Vive Nigrán artella unha experiencia gastromusical pola ría de Vigo

A terceira edición de Vive Nigrán, que se celebrará no antigo campo de fútbol de Lourido (Praia América) os próximos 19 e 20 de xullo, incorpora á súa programación un concerto a cargo de Mounqup, o alter ego da francesa Camile Hédouin. A súa música abrangue dende o pop comercial de Mariah Carey ata metal, grindcore, jazz, folk… concluíndo todo nunha personalísima proposta de corte electrónico e vangardista. O xoves 18 de xullo, e como actividade previa ao festival, o público poderá asistir ao concerto de Mounqup e gozar durante dúas horas dunha experiencia musical e gastronómica a bordo dunha embarcación pola ría de Vigo nun traxecto que partirá dende Panxón e visitará as illas Cíes dende o Atlántico, a bordo dun catamarán.

As entradas para esta travesía, que contará con degustación de produtos de Pan de Cea, de Ginger 43, de Licor 43 e do selo Galicia Calidade, estarán á venda en www.vivenigran.com a partir deste venres 5 de xullo a un prezo de 25 euros a entrada anticipada e 30 euros o mesmo día da viaxe. Todos aqueles que xa adquirisen previamente a súa entrada ou abono para o festival poderán beneficiarse dun desconto do 20% nesta compra.

Actividades paralelas para todos os públicos

O festival continuará artellándose sobre a música e fusionándose cunha serie de experiencias que permitirán ao visitante vivir Nigrán no sentido máis amplo do termo: terán á súa disposición dende xogos ao aire libre ata unha gran oferta culinaria a cargo de foodtrucks, obradoiros, presentacións de proxectos culturais, actividades marítimas… As actividades paralelas desta edición están lideradas por un bautismo de surf para nenos e nenas, en colaboración con La Conservera del Surf, o cambio de look gratuíto que a Barbería Derek Ivanich e Save the Sailor lle ofrecerán durante o festival a todo aquel que o desexe a través do seu novo proxecto “La Chabacana”, ou food trucks a cargo de La Pepita Burger Bar, ChacMool Taquería, Misco-Midas, Peaky Food Truck e Creperie La Bretonne.

Ademais, os asistentes tamén poderán gozar dunha ampla proposta de actividades deseñadas especificamente para os máis pequenos e pequenas da casa ao longo de todo o sábado 20 de xullo e concentradas, na súa maioría, nun horario de acceso gratuíto de 12h00 a 18h00. Ademais O recinto do festival contará co seu xa habitual e exitoso concurso de debuxo, obradoiros de maquillaxe, construción con bloques XXL, Pixel Art, Geomag, globoflexia, e o regreso do xornalista Javier Becerra -que xa nos acompañara na primeira edición do festival- para presentar o seu libro ¡Esto es pop! (Mont Ventoux). O xornalista estará acompañado pola música de Carolina Rubirosa para facer este percorrido pola historia da música popular dende Frank Sinatra a Beyoncé, pasando polos Rolling Stones, David Bowie, Patti Smith, Michael Jackson ou Nirvana.

Todo acontecerá nun espazo máxico e co que mantén un compromiso de emprazamento: fronte ao Atlántico, co perfil das illas Cíes ao fondo, nun extremo de Praia América-Lourido (un areal dos máis aplaudidos de todo o litoral galego pola súa extensión, area fina e de augas case transparentes) e ao pé da península de Monte Lourido.

Programación por días e horarios

O venres 19 de xullo invadirán o Escenario Mahou e o Escenario Rías Baixas o glitter pop de Hickeys (18h30), o R&B contemporáneo da novísima Adriana Proenza (19h30), a música latina e o rock de raíces de Los Vinagres (20h15), a sesión DJ de Paula do Campo (21h15), Stanich (22h15), unha das referencias da renovación musical máis vigorosas, a sesión DJ de Isaac Pedrouzo (23h30), o caos creativo e punk de Los Nastys (00h30), o desmelene frenético e pop adulterado de Meneo (01h30) e Isaac Pedrouzo de novo aos pratos (02h30).

O sábado 20 de xullo dende a mañá, os asistentes poderán gozar de xeito gratuíto da música de Uke & The Leeles (13h15), do Concerto Mahou Cinco Estrellas no que Delafé (15h00) -en formato Mediodía Cañero- amosará o seu novo son máis electrónico, dos acordes enérxicos e o pop cristalino dos valencianos L’Emperador (16h00) e de tres concertos a cargo de Gain Over (17h00), a escola de rock do Val Miñor. A partir de media tarde, o acceso ao recinto tornarase de pago para acoller o folk, pop acústico e rock de Isius (19h00), o ritmo mantra “tucu-chaca” e o fingerpicking salvaxe de Yo Diablo (20h00), o pop electrónico do dúo barcelonés Hidrogenesse (21h00), a sesión DJ de Paul Church (22h00), o dúo Monterrosa (23h00), disposto converter a pista de baile en paraíso e trincheira, os galegos e incombustibles Novedades Carminha (00h00) e as revolucionarias Las Chillers (02h15). O día completarano as sesións DJ de Isaac Pedrouzo (01h15) e Picnic Pop (03h15).

As entradas e abonos para asistir ao evento pódense adquirir xa en www.vivenigran.com a un prezo de 30 euros o abono e 18 euros a entrada de día. A organización habilitou tamén un servizo especial de autobuses nocturnos para que todo aquel que o precise poida facer uso del á hora de abandonar Praia América. Terá un custe de 8 euros a viaxe e tanto o venres coma o sábado do festival terá saída ás 03h30 da mañá e paradas en Baiona, Vigo e Pontevedra.

Para levarse a cabo, o festival Vive Nigrán conta co apoio de institucións coma o Concello de Nigrán, a Deputación de Pontevedra e a Agadic -Axencia Galega das Industrias Culturais- a través da marca Fest Galicia, e o patrocinio de Mahou, Thunderbitch e Nissan.