Gondomar e Baiona celebran o Corpus Christi

Gondomar e Baiona celebrarán este domingo 23 de xuño o Corpus Christi. Asociacións, colectivos e veciños das dúas Vilas elaborarán durante a noite do sábado, se o tempo permíteo e tras semanas de preparación e esfolle, as tradicionais alfombras florais que engalanarán as rúas pola que discorrerán as súas respectivas procesións.

En Baiona, a Misa Solemne comezará ás 12:00 do mediodía na Capela de Santa Liberata. Acto seguido sairá a procesión polas rúas do casco antigo acompañada pola Banda de Música de Baiona e coa participación da Danza das Espadas, que se representará ao finalizar o percorrido, na Praza de Santa Liberata, despois de pasar polas rúas Manuel Valverde, Conde, Ventura Misa, Lorenzo de la Carrera, San Lorenzo e San Xoán.

En Gondomar, a Misa Solemne será ás 12:30 horas, coa saída da procesión prevista para as 13:15, percorrendo as rúas San Bieito, Eduardo Iglesias, Avda. Elduayen, Portugal e Manuel Alonso ata a Praza do Concello. Tras a habitual ofrenda, a comitiva continuará por Párroco Mariño e Manuel Losada para finalizar de novo na Igrexa Parroquial. A Agrupación Musical de Vincios será a encargada de acompañar aos fieis.