Monte Real. Porta da 2ª Muralla

Tarxeta postal Nº A-45652 da Serie “Unión Postal Universal” titulada “Bayona (Galicia) – Monte Real. Puerta de la 2ª Muralla”. Monte Real foise fortificando pouco a pouco. Primeiro ergueron unha pequena fortaleza onde hoxe se atopa a “Media Luna del Condestable”; despois viñeron outras murallas, outras construcións defensivas. A última parte que se debía franquear para acceder ao recinto fortificado coñecíase como Porta Real. Este paso construírono no século XVI e leva na súa parte superior o escudo imperial da Casa de Austria, coa aguia bicéfala e o Toisón de Ouro. En cadanseu ángulo superior vai unha cabeza de mouro. Na parte máis baixa do arco hai un escudo de España, dous castelos e dous leóns. Por detrás da porta figura outro escudo, da Casa de Sarmiento. Hoxe a estrada está asfaltada e a maleza descontrolada dos laterais que se na postal converteuse nun coidado xardín.

Serie “Unión Postal Universal” propiedade de “El Universo”

Atopámonos ante unha Serie realizada pola tenda de ultramarinos “El Universo”, situada no paseo de Elduayen. Ademais desta serie, este comercio editou outra. Son dúas series de grande tipismo, das cales a primeira está numerada, polo que podemos saber que se editaron polo menos quince postais; pola contra, da segunda é difícil saber cantas visitas tiña. Estas postais deberon editarse na segunda década deste século. No anverso da primeira serie aparecía a lenda “Unión Postal Universal”, pero non así na segunda.

Publicado en “O Val Miñor na Tarxeta Postal” (1999) de Salvador Fernández de la Cigoña Fraga. Editado pola Deputación de Pontevedra.