Festas de San Xoán e a Virxe do Carme en Panxón

Este sábado 22 de xuño arrancan as festas de San Xoán e a Virxe do Carme na parroquia mariñeira de Panxón, coa discoteca móbil Chocolate a partir das 23:00 horas.

O domingo 23 ás 10:30 da mañá haberá un pasarrúas a cargo dun grupo de gaitas e pola tarde, ás 18:00 horas, cucañas. Pola noite, a partir das 22:30 horas, a verbena estará amenizada pola orquestra Ritmo Joven e o DJ Diego Mariño. Ás 00:00 horas acenderanse as tradicionais fogueiras, coas que se celebrará o inicio do verán.

O luns 24 o programa comezará ás 19:00 horas cun concerto no porto da Banda de Guerra da Brilat de Pontevedra, que a continuación desfilará ata o Templo Votivo, onde as 20:00 horas terá lugar a Misa Solemne na honra de San Xoán Bautista cantada polo “Coro Stella Panxón”. A continuación sairá a procesión acompañada pola Banda de Guerra da Brilat de Pontevedra, e chegada a noite, a partir das 22:30 horas, a verbena estará amenizada pola orquestra Ibiza Band e o grupo Aramio.

O martes 25 ás 11:00 da mañá a Banda de Música Unión de Guláns ofrecerá un pasarrúas, e ás 12:00 do mediodía un concerto. Ás 21:30 horas celebrarase a Misa Solemne na honra da Virxe do Carme, cantada pola Coral Polifónica “Novos Aires” de Nigrán. A continuación sairá a procesión acompañada pola Banda de Música Unión de Guláns, coa tradicional ofrenda ao mar no porto e a gran tirada de fogos artificiais. A orquestra Palladium poñerá a nota musical á verbena fin de festa.

O mércores 26 será o Día do Neno e o domingo 7 de xullo celebrarase en Monteferro a Festa da Sardiña.

Anuncios