
O Concello de Nigrán, coa colaboración dos clubs do municipio, organiza dende finais de xuño a inicios de setembro oito campus deportivos orientados a nenos e adolescentes: fútbol sala, surf, ximnasia rítmica, patinaxe, baloncesto, deportes náuticos, tenis, fútbol e multideporte. O prazo de inscrición aos mesmos ábrese mañá xoves 13 de xuño a través da Oficina de Información Cidadá do Concello de Nigrán (de luns a venres, de 9:00 a 14:00 horas), sendo preciso achegar fotocopia do DNI ou libro de familia e da tarxeta sanitaria.
Todos teñen unha duración de cinco días e un custe medio de 60 euros (agás o do Club Baloncesto Nigrán, de 50 €, e o de ximnasia rítmica, 40 €), existindo nalgúns a posibilidade de empregar servizo de coidador para ampliar horario e permitir mellor conciliación familiar. Para información concreta e datas chamar ao teléfono 986 365 000 ou contactar no correo cultura@nigran.org.
Os campus están orientados a un público infantil e adolescente e arrancan con surf do 24 ao 28 de xuño. O Concello achegará a merenda diaria para cada participante e a cobertura do seguro.