
O Xulgado de Instrución número 5 de Vigo concluíu a investigación sobre a agresión sufrida por seis persoas durante a madrugada do 26 de setembro de 2015 nas inmediacións dun centro comercial situado na Ramallosa (Nigrán). A instrutora emitiu un auto no que decreta que se continúen as dilixencias polos trámites do procedemento abreviado por se os feitos que se lles imputan a 19 investigados fosen constitutivos de seis delitos de lesións, cinco deles leves. A instrutora ordenou o sobresemento provisional da causa respecto a un dos sospeitosos por autorizarse a súa expulsión de territorio nacional. Ademais, acordou o sobresemento do caso en canto aos delitos de pertenza a organización ou grupo familiar.
“A actuación dos investigados non supera a mera coincidencia episódica das súas intervencións nalgunhas agresións, sendo de destacar que nos diferentes feitos mencionados nos atestados para xustificar a existencia de polo menos un grupo criminal non coinciden todos os investigados”, resalta a instrutora. A maxistrada tamén acordou o sobresemento provisional da causa respecto a oito dos 27 investigados.
A Garda Civil destapou e descabezou en febreiro de 2016 a primeira banda criminal de mozos detectada na provincia de Pontevedra. A investigación realizada polo Posto Principal de Baiona-Nigrán, baixo a dirección do xulgado Número 5 de Vigo, consideraba que se trata dun banda xuvenil violenta que está detrás de case un centenar de incidentes rexistrados na comarca do Val Miñor durante o ano 2015. Pelexas, enfrontamentos e agresións tanto físicas como verbais nas inmediacións dunha coñecida discoteca da Ramallosa, na rúa Manuel Lemos.
Segundo o Instituto Armado, o obxectivo que perseguía este grupo non é outro que o de impoñer a súa lei, tanto en espazos privados como discotecas como na rúa, propiciando numerosas alteracións da orde pública e agresións. Na maior parte dos casos, sen motivo aparente, coa única finalidade de sementar o medo e o respecto entre os demais mozos. A sucesión de agresións na vía pública e ao mobiliario urbano nesta zona de Nigrán durante os fins de semana xeraron unha gran alarma social e un serio problema de seguridade cidadá que os veciños sufriron que se puido enfrontar con éxito grazas á colaboración da Policía Local de Nigrán.
A maioría destes mozos adoitábanse presentar como integrantes da banda de “Os Chukis” para amedrentar e ameazar aos mozos cos que se enfrontaban. Moitos deles teñen un amplo historial de antecedentes policiais e, tanto a vestimenta como a simboloxía que ostentan nas súas tatuaxes e o propio nome do grupo identifícalles.