Nigrán Decide presenta a súa candidatura para “avanzar cun proxecto de futuro serio”

A candidatura Nigrán Decide, que se presenta novamente ás eleccións locais no Concello de Nigrán e forma parte da coalición electoral Son En Común impulsada por Podemos, Anova e Esquerda Unida co obxectivo de acadar representación na deputación provincial para defender mellor os intereses do municipio, presentouse o pasado martes nun acto aberto a toda a veciñanza e onde se fixo un balance do traballo do grupo municipal durante este mandato, unha valoración da actuación do goberno actual, así como a exposición das liñas xerais do programa con que se presenta ás vindeiras eleccións municipais.

Os homes e mulleres que compoñen a candidatura de Nigrán Decide son todas persoas veciñas de Nigrán, algunhas delas pertencen a estes partidos políticos e a maioría son independentes, pero que lles move traballar xuntos e unidos por Nigrán, sinalándose que forma un equipo de candidatos e candidatas renovado, co compromiso e a capacidade necesaria para gobernar de forma eficaz e responsable o Concello de Nigrán.

Como balance da actuación do grupo municipal de Nigrán Decide durante este mandato sinalouse a introdución en Nigrán dunha nova forma de facer política, con propostas ben medidas, elaboradas como se estivesen gobernando. Entre outras propostas realizadas por Nigrán Decide, destacouse que foi determinante para a construción da nova biblioteca de Nigrán, que por primeira vez na historia se lle desconte do canon da empresa concesionaria do lixo a metade do que ingresa pola recollida selectiva, tal como establece o contrato, ou a adhesión ao proxecto de Ciudad Ciencia.

Con relación ao actual goberno sinalouse que demostrou ser incapaz de conseguir avances significativos para o progreso de Nigrán. “Foron catro anos desaproveitados, e maila contar cunha oposición responsable por parte do noso grupo municipal, foron incapaces de levar adiante proxectos que significasen avances substanciais para Nigrán, salvo a construción da nova biblioteca na que o noso grupo foi determinante”, sinala José Cuevas, Candidato á Alcaldía por Nigrán Decide, para continuar indicando que “Nigrán necesita un cambio na forma de gobernar. Nigrán necesita avanzar cun proxecto de futuro serio como o que ofrece a nosa candidatura”, finaliza Cuevas.

CANDIDATURA DE NIGRÁN DECIDE

1. José Cuevas Raposo. Voceiro do grupo municipal de Nigrán Decide. Técnico da función administrativa; actualmente traballa de técnico de prevención de riscos no SERGAS. Priegue.

2. Alba Costas Lorenzo. Mestra. Ramallosa.

3. Anxo Mosquera Nogueira. Concelleiro de Nigrán Decide. Técnico superior en actividades físicas e deportivas. Nigrán.

4. María Comesaña Valverde. Quiromasaxista. Traballadora do sector da hostalería. Chandebrito.

5. Suso Mesías Abril. Traballador do sector da automoción. Camos.

6. María do Carme Giráldez Fernández. Licenciada en Filoloxía Hispánica. Profesora do IES Val Miñor. Panxón.

7. José Manuel Figueroa Fajo. Traballador do sector da automoción. Camos.

8. Patricia Gómez Costas. Traballadora no sector do ensino, implicada no movemento veciñal de Chandebrito e na integración de persoas discapacitadas. Chandebrito.

9. Antonio Valverde Valtierra. Traballador do sector da alimentación. Panxón.

10. Jacobo Gallego Guisande. Traballador de artes gráficas. Nigrán.

11. Susana María Hernaiz Valero. Médica de Atención Primaria. A Ramallosa.

12. Gustavo Bodelón Velasco. Profesor de Instituto, xubilado. Panxón.

13. Concha González Lista. Técnica superior en administración e finanzas. Nigrán.

14. Francisco Travieso Ladra. Emigrante retornado. A Ramallosa.

15. Santiago Fraga Rivas. Investigador mariño, xubilado. Panxón.

16. Rosa María Vila Collazo. Xubilada. Camos.

17. Xosé Manuel García Crego. Técnico editorial, xubilado. Priegue.

18. Marisa Fernández Benítez. Xubilada. Camos.

19. Jesus Rodríguez González. Técnico en loxística e afeccionado á apicultura. Priegue.

20. Betty Mireya León Fong. Catedrática de Universidade de Física aplicada, xubilada. Priegue.