Paco Ferreira presenta o seu proxecto para revalidar a alcaldía de Gondomar “con máis forza”

Co obxectivo de seguir avanzando na revolución que está a converter a Gondomar nun dos motores económicos do sur da provincia de Pontevedra, o candidato á reelección como alcalde de Gondomar, Paco Ferreira, encheu o auditorio Lois Tobío nun acto no que presentou o seu proxecto para os vindeiros catro anos e a candidatura que o acompañará.

“En catro anos conseguimos darlle unha volta completa a este concello, dándolle un pulo decisivo e neste camiño temos que continuar, con máis forza”, explicou Ferreira, quen fixo un chamamento aos seus conveciños para acadar unha vitoria rotunda que lle permita continuar o proxecto iniciado neste mandato.

Na presentación Ferreira estivo acompañado do secretario do PSdeG-PSOE de Pontevedra, David Regades, a quen lle agradeceu especialmente o seu apoio no desenvolvemento do polígono industrial da Pasaxe como delegado da Zona Franca de Vigo. A través dela se está a levar adiante a fase 2 do polígono o que supón un investimento de máis de 20 millóns de euros só no proceso de ordenamento e urbanización dos terreos da ampliación pero que está a permitir a transformación decisiva deste polígono, situado estratexicamente entre Vigo e Porriño.

Neste sentido, David Regades destacou que Ferreira poderá seguir contando con él para todo o precise e fixo fincapé na importancia da cooperación entre ambas entidades. “Nuns meses desatascamos o proxecto de ampliación e puxemos a andar a ampliación do polígono cuxa situación de abandono estaba a prexudicar ás empresas que estaban nel”, destacou Regades, que insistiu no potencial estratéxico de Gondomar que, xunto cos concellos de Vigo e Nigrán, está converterse no motor económico da provincia de Pontevedra. Non en van Zona Franca xestiona 9 millóns de metros cadrados de solo industrial onde operan 660 empresas con máis de 21.000 empregados o que a converte na principal entidade de desenvolvemento económico de Galicia.

Apoio da Deputación

O alcalde de Gondomar tamén fixo fincapé nos investimentos que fixo a Deputación de Pontevedra durante este tempo, destacando especialmente o proxecto de humanización do parque da Paradela, que supuxo un investimento de preto dun millón de euros, e permitiu que a vila conte cun espazo de lecer e de divertimento que permite o desenvolvemento do comercio local.

Neste sentido, Ferreira destacou que seguirán avanzando en proxectos que melloren a vida da xente, construíndo un Gondomar amigable, inclusivo e “no que todas e todos esteamos orgullosos de vivir, algo que só se poderá conseguir cun goberno forte e coa apoio da veciñanza”, rematou.

O acto contou tamén coa presenza do presidente da Asociación de Empresarios da Pasaxe, o presidente da asociación de empresarios do Val Miñor, presidentes de comunidades de montes e representantes de asociacións culturais e veciñais de Gondomar.