Anuncios
Ticker de novas

O Concello de Baiona retira os bolardos da rúa Julián Valverde de Sabarís

FOTO: CONCELLO DE BAIONA

O Concello de Baiona iniciou este mércores a retirada dos bolardos de pedra da rúa Julián Valverde, en Sabarís, para a súa substitución por xardineiras. Os traballos durarán aproximadamente ata finais da próxima semana, cando está previsto que se faga a reformulación para instalar os novos elementos decorativos.

A empresa Cantería Sabarís traballa xa na retirada dos 100 bolardos existentes na rúa Julián Valverde despois de que o Concello de Baiona decidira substituílos para evitar complicacións aos peóns, pese a estar homologados, e á vez embelecer un paseo de máis de 500 metros.

A inversión para a eliminación dos elementos de pedra e a colocación das xardineiras ten un custe lixeiramente superior aos 21.000 euros, a cargo das Concellerías de Vías e Obras e Parques e Xardíns, e as labores inclúen tamén a reparación das aceiras a medida que se retiran os bolardos.

A Concellería de Parques e Xardíns será a encargada posteriormente da colocación dunha vintena de xardineiras, así como bancos de pedra que serán colocados en próximas datas.

“O noso obxectivo é embelecer a rúa e evitar que se produzan novos tropezos por parte dos peóns sen que afecte tampouco o desenvolvemento da feira semanal”, afirma o alcalde, Ángel Rodal.

Anuncios