O concelleiro de Urbanismo comparece ante o pleno deste xoves a petición de Nigrán Decide

O concelleiro de Urbanismo de Nigrán, Diego G. Moreira, comparecerá no pleno deste xoves, día 25, para dar conta do estado de tramitación do PXOM. Dita comparecencia foi aprobada por unanimidade no pleno do pasado mes de marzo, a petición do grupo municipal de Nigrán Decide.

“O Plan Xeral de Ordenación Municipal debería ser unha das maiores prioridades dun goberno en Nigrán, sen embargo, a punto de finalizar este mandato, estamos practicamente igual que ao comezo”, sinala José Cuevas, para continuar indicando que “o goberno municipal anunciou á veciñanza, nas reunións que mantivo nas parroquias, que a Dirección Xeral de Patrimonio dispoñía dun prazo máximo de tres meses para informar o documento, engadíndose que, se non informaban, podería ser considerado o informe como favorable, tal como indica a Lei do solo. Nesas reunións dixéronlle á veciñanza que, pasado ese prazo, o goberno enviaría o documento do PXOM a Augas de Galicia, Portos, Axencia Galega de Infraestruturas e Costas, para que fose informado”.

O prazo de tres meses que tiña a Dirección Xeral de Patrimonio finalizou o 17 de xaneiro, sen que o informe sobre o PXOM se emitise, polo que, tal como di a lei e como se lle dixo á veciñanza, podería considerarse favorable. Sen embargo, o goberno, cando menos o 28 de febreiro, non enviara a documentación do PXOM para solicitar o resto dos informes sectoriais necesarios para a que sexa aprobado provisoriamente. Segundo afirmou o concelleiro de Urbanismo no pleno do 28 de febreiro, ían esperar a que se lle enviase ao Concello ese informe.

“O feito de que non enviase conxuntamente a todos os organismos a documentación do PXOM, así como o exposto anteriormente lévanos a pensar que o goberno pretende dilatar a tramitación do PXOM”, finaliza Cuevas.

Anuncios