O Centro Juan María presentou este mércores o seu proxecto “Recicla Tapóns Solidarios”, co que pretenden a recollida selectiva de tapóns nos dez centros escolares e institutos do concello de Nigrán. Dende o Ecotaller do seu Centro Ocupacional encargaranse da recollida periódica nos centros e institutos, para despois separar os que son válidos dos que non. Con este proxecto queren fomentar a integración social dos usuarios, potenciar as súas habilidades e axudar a fomentar bos hábitos medio ambientais. Os tapóns serán trasladados a unha empresa de reciclaxe que os converterá en granza, coa que se pode elaborar produtos como caixas de froita, revestimentos ou illantes.
Ademais, coa venda dos tapóns poderán financiar proxectos da entidade… neste ano o proxecto “Dereito a comer con pracer”, que consiste en ofrecer alimentos triturados/texturizados que garantan unha alimentación segura e eficaz, gozar da comida e experimentar as mesmas sensacións que o resto de persoas. Con esta nova maneira de preparar os alimentos poden preservar as cores e sabores por separado, do mesmo xeito que lles posibilita dar forma ao alimento en cuestión e conservar así o aspecto visual do prato. Para poñelo en marcha necesitan 10.000 €.
No proxecto, levado a cabo grazas á colaboración do Concello de Nigrán e Ferrovial, participan o CEIP Humberto Juanes, CEIP Mallón, IES Val Miñor, CPR Ángel de la Guarda, CEIP da Cruz de Camos, Colegio Estudio, CEIP Carlos Casares, IES Escolas Proval, CPI Arquitecto Palacios de Panxón e EEI As Dunas de Panxón. En cada centro instalarase un colector de cartón no que se poderán depositar os tapóns de plástico (de botellas de aceite, champús, bolígrafos, bebidas, deterxentes, pegamentos…).
Ademais, desde o Centro Juan María queren ofrecer charlas divulgativas realizadas polos usuarios para informar sobre a reciclaxe e como o fan no centro.

