Vantaxes para os veciños de Camos e Parada se solicitan xa o enganche ao saneamento

FOTO: CONCELLO DE NIGRÁN // Obras en Nandín.

O Concello de Nigrán e Aqualia están a informar aos veciños de Parada e Camos onde se están a rematar as obras de instalación do abastecemento (barrios de Nandín, Igrexa, A Rúa, Con e A Reboreda) e a parte baixa de Camos (Castelo, A Lama, O Rial e as vivendas situadas nas inmediacións da PO-332, rúa dos Pazos) e do saneamento (entre os números 11 e 27 da Rúa do Castelo), das vantaxes que implica solicitar a conexión aos servizos municipais antes de que rematen as obras no mes de marzo. Mentres duren estes traballos o Concello poderá axilizar a súa tramitación e executar inmediatamente as acometidas, reducíndose considerablemente o custo económico ao non precisar de novas autorizacións nin reposición de elementos.

Cómpre subliñar que toda vivenda situada a menos de 50 metros da rede de saneamento ten a obriga de conectarse á mesma por unha cuestión de saúde e protección medioambiental, polo que os propietarios das casas nesta situación deben realizar a súa solicitude directamente na oficina de Aqualia en Nigrán (rúa Val Miñor, 2 – Baixo).

Paralelamente, os interesados no servizo de abastecemento de auga poden solicitar xa tamén a instalación da acometida (que non estará operativa ata contar coa autorización definitiva de Sanidade).

En total, máis de 500 familias veranse beneficiadas desta actuación que conta cun orzamento de 350.000 euros para o abastecemento e 70.000 para o saneamento, todo financiado integramente pola empresa concesionaria Aqualia froito dun acordo co Concello.

O proxecto de ampliación da rede de abastecemento lévase adiante despois de que Augas de Galicia instalase unha canalización xeral que discorre ao longo de 2.500 metros desde o torreiro de As Angustias ata o Centro Cultural A Camoesa (PO-332, rúa dos Pazos) e que posibilita agora conectar estas novas redes secundarias ás poboacións da zona. A nova canalización, de máis de 5.000 metros, realizarase con conexións directas á tubaxe xeral instalada na PO-332 e, ao mesmo tempo, instálase un grupo de presión que permitirá elevar a auga á parte máis alta (Nandín). Por outra banda, os traballos de ampliación da rede de saneamento consisten en dotar de 665 metros de colector de PVC de 315 mm de diámetro, ao que se engancharán as verteduras das vivendas situadas nas súas inmediacións e que actualmente empregan fosas sépticas, resolvendo así un longo problema de infraestrutura básica e fundamental.

«Este goberno ten un compromiso total e absoluto por ampliar a rede de abastecemento e de saneamento a todas as parroquias e por iso traballamos firmes nesa dirección; é algo moi demandado polos veciños e que hoxe en día resulta básico”, afirma o alcalde de Nigrán, Juan González.

Anuncios