Unha quincena de voluntarios retiran 150 quilos de lixo do río Muíños

O Concello de Nigrán sumouse este domingo por sétimo ano consecutivo á Limpeza Simultánea “Móllate polos ríos” coordinada por Adega. A xornada de voluntariado ambiental e concienciación social contou coa participación dunha quincena de persoas que retiraron 150 quilos de lixo do río Muíños, con punto de encontro ás 18:00 horas no aparcamento da antiga escola de vela en Praia América.

O Proxecto Ríos é un programa de Educación e Voluntariado Ambiental que ten a finalidade de dar a coñecer o importante papel dos cursos fluviais, mostrar as súas problemáticas así como fomentar iniciativas que permitan á cidadanía o mantemento e a mellora dos ríos proporcionando as ferramentas que garantan a súa participación.