Esta semana tivo lugar a firma do convenio entre o Concello de Baiona e Abanca que pon fin a unha ardua negociación por parte do alcalde, Ángel Rodal, que durou varios meses desde que unha sentenza xudicial obrigaba ao Concello a afrontar un pago de case 4.000.000 € polo parking do Aral.
Ángel Rodal levou estas negociacións con total discreción, pero con continua preocupación, xa que, aínda que o Concello dispón dos fondos para saldar practicamente a débeda contraída, “non sería a mellor opción xa que desa maneira quedaría sen fondos para calquera imprevisto”. A outra opción que barallaba era a adquisición dun préstamo cunha entidade a longo prazo, cousa que descartou desde o primeiro momento.
Por conseguinte, expúxolle á dirección de Abanca a posibilidade de fraccionar o pago dos 3.991.954,66 euros en pagos anuais utilizando parte do diñeiro existente, pero sen descapitalizar as arcas do Concello, logrando así dous propósitos, o primeiro ter saldos positivos nas contas baionesas, e o segundo non endebedar ao Concello de Baiona.
Con este método Ángel Rodal conseguiu incrementar o patrimonio de todos os baioneses e baionesas cun novo inmoble público, ao mesmo tempo que agora dispoñen dun parking, do cal se poderán aproveitar todos os veciños e veciñas, e para isto o alcalde co seu equipo de goberno xa están a estudar novas actuacións que beneficien a todos na utilización deste parking público.
Ángel Rodal quere agradecer á entidade Abanca a súa boa predisposición a negociar desde un primeiro momento e alégrase de chegar a un acordo que beneficia a ambas as partes.

