A baionesa Gabriela Bouzada proclámase campioa provincial de campo a través

Este sábado disputouse na parroquia porriñesa de Chenlo o Campionato Provincial Xogade de Campo a Través, no que participaron preto de 700 escolares repartidos entre as categorías de benxamín a cadetes. En todas elas houbo representación da Sociedade Atlética do Val Miñor, acabando as respectivas probas con moi bos resultados a pesar do frío, a choiva e un durísimo circuíto.

Destacou a baionesa Gabriela Bouzada, que conseguiu a vitoria na categoría Benxamín Feminina, completando o circuíto de 0,77 km nun tempo de 2:36, proclamándose campioa da provincia de Pontevedra. Agora tócalle xa preparar a competición de pista para poder estar no galego, xa que de campo a través non se disputa o autonómico na súa categoría.

Bisrat Mein foi segundo na categoría Benxamín Masculino, cruzando a meta tras completar os 0,77 km de percorrido nun tempo de 2:31.

Anuncios