A Mancomunidade aproba o convenio de financiamento do GES para os próximos tres anos

O Pleno da Mancomunidade do Val Miñor aprobou este mércores nunha sesión extraordinaria celebrada en Baiona a adhesión ao convenio de colaboración entre a Xunta de Galicia, a Federación Galega de Municipios e Provincias e as Deputacións Provinciais, en materia de emerxencias e prevención e defensa contra incendios forestais, para o desenvolvemento dos Grupos de Emerxencia Supramunicipal (GES).

O montante total do convenio, que terá unha duración de tres anos (2019-2021), ascende a 272.241 euros, de tal xeito que a Deputación de Pontevedra achega 112.000 euros, a Consellería de Medio Rural 123.491 euros, Vicepresidencia da Xunta 15.750 euros e a Mancomunidade do Val Miñor 21.000 euros.

O representante de Manifesto Miñor, Antonio Araújo, recordou no Pleno que a Unión Española de Aseguradoras e Reaseguradoras (UNESPA), que representa a máis do 98% das aseguradoras do Estado, ten entre as súas funcións a de negociar e subscribir, a través dunha xestora, convenios coas administracións locais para pagar unha porcentaxe dos ingresos que obtén polo cobro das primas dos seguros de incendios e multirrisco, un 5% e un 50% respectivamente de acordo co recadado nos diferentes concellos. Un importante recurso financeiro que ten como destino en exclusiva, e por lei, a mellora dos parques de bombeiros e a loita contra o lume.

“A día de hoxe ignoramos se estas porcentaxes están sendo pagadas pola UNESPA, se veñen incorporadas na subvención da Deputación Provincial, en cuxo caso á Deputación sairíalle gratis o convenio, e obviamente descoñecemos a cantidade que nos corresponde. Estamos a falar dunha comarca de máis 50.000 habitantes cun importante número de vivendas, sobre todo de segundas residencias, empresas, comercios, parque de automóbiles, etc, polo que é de supoñer que non deberían de ser poucos cartos”, incide Araújo.

O concelleiro de Manifesto Miñor solicitou do Presidente do Pleno, o Alcalde de Nigrán, que faga as xestións oportunas diante da UNESPA para que aclaren esta situación. “No caso de nos corresponder un maior financiamento da UNESPA, podería ser a solución para mellorar en medios materiais e humanos o GES do Val Miñor, un servizo imprescindible para a comarca que necesita ser ampliado sen máis demora”, conclúe Araújo.