Pioneiras na loita polos dereitos da muller protagonizan o calendario 2020 de Gondomar

O Concello de Gondomar recibe o novo ano apostando pola igualdade real das mulleres por entender que é unha premisa sobre a que seguir traballando como ata o de agora. Desde o departamento de Igualdade, dirixido pola edil Nuria Lameiro, repartiranse entre a veciñanza do municipio calendarios do 2020 elaborados co obxectivo de visibilizar e implicar a todos/as nesta cuestión.

Con este fin o almanaque recolle a 12 pioneiras, mulleres representativas na loita de igualdade de oportunidades entre homes e mulleres e que, desde a súa actividade e a súa actitude, permitiron grandes logros neste campo dos que hoxe en día seguimos gozando.

Así de xaneiro a decembro poderemos descubrir a imaxe de Clara Campoamor, Victoria Kent, Rosalía de Castro, María Vinyals, Maruja Mallo ou Margarita Nelken… nomes que se recollen no calendario, todos eles acompañados polos detalles básicos das súas biografías e a súa achega na defensa dos dereitos das mulleres.

Os calendarios, financiados con fondos da Secretaría Xeral de Igualdade, dentro do marco do Pacto de Estado contra a violencia de xénero, poderanse retirar nas instalacións da Casa da Cultura ou no Rexistro Municipal do Concello de Gondomar.

Anuncios