«Nigrán non puido controlar o ruído durante máis de dous anos por ter o sonómetro sen calibrar»

Nigrán estivo máis de dous anos co sonómetro sen calibrar, entre o 2 de setembro de 2016 e o 2 de outubro de 2018, polo que durante este período de tempo non se puido realizar ningún control da contaminación acústica xerada por múltiples actividades, que resultan molestas para a veciñanza.

Ante as numerosas queixas polas molestias que estaba causando o alto nivel de ruído xerado por determinadas actividades, algunhas delas promovidas polo goberno municipal ou algúns dos seus membros, Nigrán Decide solicitou diversa documentación, entre a que estaba o certificado de calibración do sonómetro municipal.

Na documentación facilitada o 10 de outubro de 2018, máis de un mes despois de realizar a solicitude, sinalábase que o sonómetro fora calibrado o día 2 de outubro de 2018, indicándose na súa remisión que non se enviara antes por estar o sonómetro en fase de verificación.

Esta situación fixo pensar a este grupo municipal que o sonómetro enviouse a calibrar despois da súa solicitude de información, polo que rexistraron o 18 de novembro, 11 días antes da celebración do Pleno dese mes, unha pregunta por escrito para coñecer a data da calibración anterior á realizada ao do mes de outubro do ano 2018.

No Pleno de novembro, a pesar de existir a obriga de contestar ás preguntas formuladas por escrito con máis de 24 horas de antelación, o alcalde negouse a contestar a pregunta, que reiteraron no Pleno de decembro. Neste Pleno, o alcalde contestou que a anterior calibración fora o 24 de setembro de 2018.

Ante esta resposta, e dado que os períodos de validez destas verificacións son dun ano, Nigrán Decide solicitou esa certificación, confirmándose na documentación recibida que a anterior calibración era válida até o 2 de setembro de 2016. Polo tanto, entre esa data e o 2 de outubro de 2018 o sonómetro do concello estivo sen calibrar.

«Non cabe a posibilidade dun erro na contestación, pois na súa resposta non coincide nin día, nin ano, polo que, como aconteceu noutras ocasións, o alcalde volveu tratar de enganar ao máximo órgano de representación da veciñanza de Nigrán, que é o Pleno», sinala José Cuevas, para continuar indicando que «con estas actitudes, ponse de manifesto a baixa calidade democrática deste goberno», finaliza Cuevas.

Anuncios