Baiona adianta o Entroido e Nigrán aprázao para non coincidir coa Arribada

FOTO: MIRIAM RODRÍGUEZ // Desfile de Comparsas en Baiona.

O Concello de Baiona decidiu este ano adiantar a celebración do Entroido para que non coincida coa Festa da Arribada, que terá lugar os días 1, 2 e 3 de marzo. Así, segundo confirmou María Iglesias, os principais actos do Entroido desenvolveranse o domingo 24 de febreiro. “Sacaremos as bases en breve de que se adiantan para o día 24, o que é o desfile de comparsas e o enterro da sardiña, e seguramente o sábado fagamos algunha cousa máis”.

Tras unha reunión con Aceba para falar da iniciativa, na que empresarios e comerciantes mostráronse a favor, o Departamento de Cultura atópase traballando na programación. “É un día que non traballa ninguén, os nenos non teñen colexio, mesmo se cadra choiva temos máis marxe para poder cambialo de día e sacámolo da Arribada, así tamén a hostalería de Baiona traballa dúas fins de semana fortes”, destaca a concelleira.

Iglesias tamén indicou que “logo, nas vacacións temos previsto facer dous días de actividades como fixemos na campaña de Nadal no pavillón, para que o martes e mércores de cinza os nenos teñan actividades, faremos unha festa de disfraces ou algo así, pero está aínda sen pechar todo”.

Nigrán tamén traslada o seu desfile

Consultado por ValmiñorTV, o Concello de Nigrán tamén cambiará de día o seu desfile de comparsas, previsto inicialmente para o sábado 2 de marzo. Neste caso non o adianta, senón que o aprazará ao sábado seguinte, o 9 de marzo. Pola súa banda, desde o Concello de Gondomar aínda non tomaron ningunha decisión sobre modificar a data do tradicional desfile de comparsas, inicialmente previsto para o domingo 3 de marzo.

Anuncios