Baiona inviste máis de 30.000 € na rehabilitación do patio infantil do CEP Sabarís

Cando falta xa moi pouco para a conclusión das obras na Casa Rosa de Sabarís coa instalación estes días do ascensor, como no seu día anunciara o alcalde de Baiona, Ángel Rodal, o equipo de goberno segue apostando polas parroquias con continuos investimentos. Unha das actuacións que se levou a cabo os últimos días foi a rehabilitación do patio infantil do colexio de Sabarís.

Como di Ángel Rodal, “os que gobernamos estamos ao servizo dos veciños e temos que ser equitativos na utilización dos fondos que dispoñemos tentando facer unha repartición o máis xusta posible e tentando que as administracións nos axuden nas nosas iniciativas, e a mostra da boa colaboración que este goberno ten coa Xunta de Galicia queda patente neste último investimento do ano 2018 realizada no colexio de Sabarís.”

Esta obra tivo un custo superior aos 30.000 euros e constou na escavación e retirada dun tanque subterráneo que xa estaba inservible e non se utilizaba, a canalización das augas pluviais e a dotación dunha nova soleira de formigón puído ao patio de xogos dos nenos e nenas, todo isto nun tempo récord.

“Somos coñecedores das necesidades de todos os nosos centros educativos, as cales iremos xestionando ben nós mesmos nas actuacións que nos permita a Xunta, ou tramitando coa administración os casos máis urxentes nos que nós non podamos actuar. Nas visitas que o concelleiro de Educación, Policarpo Vilar, realizou estes días pasados solicitou información de todo isto, co que xa estamos a traballar para dar as solucións pertinentes”, aseguran desde o goberno municipal.

Anuncios