España posúe nestes momentos un litoral de ao redor de 7.880 km. de costa, aos que habería que sumar, a mediados do século XIX, os das colonias.
O Plan Xeral de Iluminación Marítima de 1847 puxera de manifesto as enormes deficiencias que presentaba a sinalización marítima en territorio español. Unicamente lucían 20 luces en toda a costa, cando o novo Plan contemplaba a necesidade de contar cun mínimo de 105 faros, á parte de boias, balizas e sinais menores.
Clasificaban estes faros en cinco categorías diferentes en función do seu alcance e finalidade. Os faros de primeira orde guiaban a navegación de longa travesía; os de segunda orde sinalaban escollos próximos á costa para a navegación de cabotaxe; os de terceira orde, guiaban a entrada dos barcos en radas e baías; e os de cuarto e quinta orde eran considerados fanais e tiñan como misión sinalizar os portos, complementándose con boias e balizas.
Entre 1847 e 1855 constrúense os principais faros da costa galega destinados a guiar a navegación de altura, entre eles, e no que incumbe ao noso porto, o faro de Montefaro das illas Cíes, que se termina e entra en servizo en 1853.
Así, dótase ás illas Cíes dun potente faro de primeira orde con 30 millas de alcance, cuxa finalidade era cubrir a entrada á ría de Vigo e a navegación de cabotaxe pola costa sur ata a desembocadura do río Miño na fronteira con Portugal.
Pero pronto se evidenciou a insuficiencia no servizo xa que o faro, construído a tanta altitude, quedaba frecuentemente inoperativo por mor da néboa.
Ademais, o Plan Xeral non contemplaba a sinalización dos portos pequenos polo que, en 1858, apróbase o Plan Xeral de Balizamento das Costas e Portos de España e Illas Adxacentes, dentro do cal se encadra a construción do noso faro, que viña paliar as deficiencias do servizo. Foi o primeiro dos inaugurados no ano 1862, baixo os auspicios de José Elduayen.
O 6 de abril de 1860 saían a poxa as obras de construción do faro para cabo Silleiro cun orzamento de 72.028 reais. Acabadas as obras en 1862, o Instituto de Hidrografía publicaba nos seus Avisos a navegantes a súa inmediata entrada en servizo:
“FARO DE CABO SILLEIRO. Acenderase o 31 de marzo de 1862. Está situado no extremo do expresado cabo a 15 brazas da beira do mar e ten as seguintes características: Aparello catadióptrico de 4º orde. Luz fixa de cor natural. Alcance 17 millas. Latitude 42º 6’5” Norte. Lonxitude 2º 40’20” Leste de San Fernando. Elevación do plano focal 21,96 m. sobre o nivel medio do mar e 10,27 m. sobre o terreo.”
Ao situar o faro de Silleiro nas restingas que se penetraban no mar, a súa función era, como luz auxiliar do faro de Cíes, guiar a navegación cara á bocana sur da ría de Vigo ata que os buques enfilasen coa luz da Guía, que os conduciría ata o porto e o lazareto de San Simón. Por outra banda, unha luz na batida costa do rompeolas axudaría á navegación de cabotaxe e á entrada na enseada e no porto de Baiona.
Joaquín Bellido, encargado do proxecto, estimou a restinga de pedra de Pena Cerbeiro como a localización idónea, a cal se introducía mar dentro un 900 m. Pero o difícil acceso e o feito de que se asolagase durante as pleamares, decidiulle retranquear o edificio ata terra firme, a un 25 m. da beira.
Moi similar ao que José Elduayen proxectou para A Guarda ao ano seguinte, en 1861, o faro de cabo Silleiro asentábase sobre un basamento de sillería de 20 x 17 m. sobre o que se levantaba un edificio de planta rectangular en cuxo interior se distribuían as distintas dependencias do faro, as vivendas dos dous torreiros, almacéns e unha torre octogonal de robusta sillería preparada para resistir os embates do mar. No seu interior, unha angosta escaleira de caracol remataba nunha balaustrada de fundición fabricada en Sargadelos e un cupulín poligonal no que se instalou unha luz fixa de cuarta orde de cor branca, cuxas lámpadas Sauter foron substituídas en 1898 por lámpadas Maris, sucesivamente alimentadas por aceite de oliva, parafina e petróleo.
O aspecto exterior do faro presentaba algúns elementos arquitectónicos que o facían sobresaír entre os demais, caracterizados por unha sobria austeridade.

O acceso facíase a través dunha escalinata que ascendía ata o corpo principal do edificio, ao redor do cal discorría un corredor de 2’5 m. de ancho. Unha vez arriba, unha gran porta con tímpano en forma de arco de medio punto abríase a un gran vestíbulo e a un corredor que conducía directamente ao acceso á torre, ao longo do cal se abrían as distintas dependencias que incluían as exiguas vivendas dos dous torreiros, almacéns para o material necesario para o mantemento do faro e un despacho para o enxeñeiro nas súas visitas de inspección.
Unha Instrución de 1918, para mellorar a visibilidade dos faros, obriga ao branqueo dos edificios, polo que o faro de Silleiro cambia de fisonomía.
En 62 anos de servizo, houbo unha única paréntese no funcionamento da luz do faro e foi en xullo e agosto de 1898. No mes de abril o Congreso de Estados Unidos aprobara unha declaración de guerra a España tras o afundimento accidental do acoirazado Maine no porto da Habana. Informacións publicadas na prensa estadounidense alentaban a idea de que unha frota bombardearía os portos españois, entre eles, o de Vigo por ser o máis próximo a Nova York. Rendeu unha certa psicose e de maneira preventiva fortificáronse algúns puntos da costa, ao mesmo tempo que se ordenaba o apagado da sinalización marítima.
Superado este incidente internacional, aquel pequeno faro de cuarta orde situado practicamente a nivel de auga continuou dando servizo a un cada vez máis intenso tráfico marítimo no que se sucedía diariamente o tránsito de grandes transatlánticos que recalaban no porto de Vigo nas súas rutas cara a América e o norte e sur de Europa. Isto fixo que o novo Plan de Reforma da Iluminación Marítima de 1902 contemplase a construción dun novo faro, esta vez de primeira orde, en substitución do anterior.
A construción do novo faro demorouse ata 1924 e o 8 de agosto entraba en servizo, o cal debía supoñer, na práctica, o apagado do faro vello. Pero un gran incendio o 22 de decembro dese mesmo ano dana a óptica e inutiliza o faro novo temporalmente. Isto permítelle ao vello faro recuperar parte do seu protagonismo pasado. O 13 de xullo de 1925 restablécese o servizo no faro novo e cinco días máis tarde o faro vello é apagado, esta vez, para sempre.
Arquivo do Porto de Vigo

