Sin categoría

Marine Instruments pon en marcha a IV edición da Regata Solar

A empresa de innovación tecnolóxica, Marine Instruments, pon en marcha a IV edición da Regata Solar, unha cita anual para fomentar a eficiencia enerxética entre escolares e afeccionados mediante a construción de prototipos solares. Ademais, como nova proposta e co fin de seguir desenvolvendo as novas tecnoloxías e a súa difusión entre os escolares, Marine Instruments incorpora nesta cuarta convocatoria unha competición de coches solares, con similares características e condicións que a regata solar, pero poñéndolle rodas aos deseños.

Tras o brillante éxito das tres primeiras convocatorias, Marine Instruments amplía as prazas para tomar parte o próximo 22 de xuño nesta cita coa ciencia na vila de Baiona, que premia nas súas respectivas categorías, aos alumnos de Educación Secundaria, Formación Profesional e a xa estreada clase Open, en eficiencia e deseño.

Os requisitos das embarcacións e dos coches réxense por unhas normas comúns a todos os participantes elaboradas por Marine Instruments e que contemplan que a única enerxía utilizada será exclusivamente a solar, xerada polo panel oficial de 100 W para as embarcacións e 50 W para os coches, non permitíndose o uso de acumuladores eléctricos. Tanto o panel como as baterías auxiliares entregadas por Marine Instruments serán os únicos materiais válidos.

Ademais, Marine Intsruments entrega a cada equipo pertencente a algún centro escolar un mando de radiocontrol e unha axuda económica valorada en 100 € no caso das embarcacións e de ata 250 € no dos coches.

O xurado estará formado por responsables de diferentes áreas de Marine Instruments: Francisco Pino, Director de I+D; Bruno Lema, Responsable da Área de Hardware; e varios enxeñeiros de Hardware de Marine Instruments.

Os lugares elixidos para ambas as dúas competicións serán a Praia da Ribeira, no caso das embarcacións, e un circuíto montando sobre as canchas de baloncesto, para os coches de radio control.

A asociación A Industriosa (www.aindustriosa.org), un espazo para o desenvolvemento das persoas e proxectos relacionados coas tecnoloxías que se atopa situado na rúa Barcelona, 13 en Vigo, colabora coa regata dando soporte técnico aos participantes que así o desexen.

O prazo de inscrición finalizará o día 15 de decembro. As prazas son limitadas en todas as categorías. Todos aqueles interesados poden revisar as bases do concurso e inscribirse en www.regatasolar.org.