A AVTG esixe a Feijóo a integración de Gondomar no transporte metropolitano

A Asemblea Veciñal por un Transporte Digno para Gondomar continúa coas accións reivindicativas. Aproveitando a asistencia do presidente da Xunta de Galicia e presidente do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, ao acto de presentación de Paula Bouzós como candidata á alcaldía, unha trintena de veciños e veciñas concentráronse este sábado ás portas do Auditorio Lois Tobío.

O obxectivo, que o que consideran “o máximo responsable do lamentable estado de illamento que padece a nosa vila, e sobre todo as nosas parroquias desde fai ben de tempo no que respecta ao servizo público de transporte”, coñecese de primeira man “o calvario de achegarnos cada día ao noso centro de estudos ou traballo, de movernos entre as vilas e a cidade, de baixar e subir das parroquias”, e facer presenza coas súas esixencias in situ.

“Presumiblemente alleo á nosa situación, chega no momento máis oportuno para nós, onde temos máis forza e máis motivos que nunca para reclamar o que sempre foi noso e agora se nos nega”, sinalaban desde o colectivo. “Non somos moeda de cambio das chantaxes políticas entre PP e PSOE”.

Á súa chegada, Feijóo, xunto con Bouzós, achegouse aos manifestantes para escoitar as súas demandas referidas ao deficiente servizo de transporte público colectivo que padecen en Gondomar. Os afectados e afectadas esixiron ao presidente da Xunta a inclusión da vila no Plan do Transporte Metropolitano da Área de Vigo, instándolle a convocar con urxencia unha reunión da Comisión de Seguimento na que se inclúa a incorporación do municipio no convenio, para que se faga efectiva e implante a tarxeta metropolitana, coa que beneficiarse dos descontos no importe de billetes, co consecuente aforro nos gastos de desprazamento, e a gratuidade para os menores de 19 anos.

Pola súa banda, o presidente do goberno autonómico lembroulles que Gondomar quedou excluído do Plan de Transporte Metropolitano, que botou a andar o 27 de abril de 2015, porque así o decidiu o pleno municipal ata en dúas ocasións, o 27 de xaneiro e o 5 de marzo dese mesmo ano, cos votos en contra do actual alcalde, Paco Ferreira. Feijóo prometeu así mesmo que “imos volver a tentalo o próximo ano, esperemos que voten a favor”.

A Xunta mantén a súa vontade de que a integración de Gondomar no Plan de Transporte Metropolitano prodúzase canto antes, aínda que o terá que facer en igualdade de condicións e cos mesmos criterios cos que a dos 25 municipios que a teñen solicitada a día de hoxe, entre eles varios do sur de Galicia, como Ponteareas.

A Asemblea considera inadmisible “o bloqueo na mellora do transporte para Gondomar ata, polo menos 2020 segundo os plans da Xunta do PP, coincidindo co final das concesionarias e unhas novas eleccións”.