Os centros educativos de Baiona volven gozar, por segundo ano consecutivo, do “Proxecto Caligrama 2000”, un obradoiro de poesía visual do poeta e pedagogo David Fernández Rivera que consegue facer viaxar aos estudantes cara ao corazón da poesía visual a través de diversas actividades de interpretación, exploración e experimentación.
Tras visitar o CEP de Sabarís e o CEIP Fontes-Baíña, David Fernández Rivera visitou este martes o CPI Cova Terreña, onde estivo arroupado polo concelleiro de Educación, Policarpo Vilar Misa “Poli”; por Elena Otero, directora do CIM e por María Isabel Martínez Cabaleiro, directora do centro. O CEIP de Belesar será o próximo en gozar desta iniciativa, que conta co apoio da Deputación de Pontevedra.
O “Proxecto Caligrama 2000” é unha das propostas máis recoñecidas e sorprendentes de Rivera; en menos de dúas horas, os infantes conseguen gozar e interactuar de modo moi activo con creacións do propio autor, Apollinaire e do mesmísimo Joan Brossa. David Fernández Rivera consegue todo isto grazas a unha didáctica e pedagoxía moi elaboradas que parten da premisa de que todo aprendizaxe ha de partir do entusiasmo e a motivación. Desde esta máxima e sobre unha gran intensidade, Rivera outórgalle o protagonismo a uns alumnos que alcanzan cotas inimaxinables para a súa idade.
Despois da gratificante experiencia vivida o pasado ano e alentado polo apoio do Concello de Baiona, Rivera decidiu entregarse totalmente á educación do municipio e espera organizar novas actividades creativas e de colaboración coas escolas.
Por outra banda, todos os alumnos que traballaron co artista e pedagogo ao longo destes dous últimos anos, inaugurarán en decembro xunto ao poeta vigués, un poema visual da súa autoría nunha das rúas de Baiona.
A intensa colaboración entre a Concellería de Educación de Baiona e Rivera ten un único obxectivo prioritario, espertar a imaxinación dos máis novos e dotalos das ferramentas creativas necesarias para que poidan construír un futuro moito mellor.

