Entra en vigor o núcleo rural delimitado de Penalba-Mañufe

Despois dun longo e complexo proceso de case un ano de duración que implicou un rigoroso traballo técnico de estudos de campo, das características morfolóxicas e de organización do territorio, do patrimonio existente, do viario, servizos existentes, etc… e de pasar máis dunha ducia de filtros e informes sectoriais que abranguen dende a Avaliación Ambiental Estratéxica, pasando polas diferentes aprobacións sectoriais de Augas de Galicia, Medio Rural, ou Patrimonio… e despois de ser aprobado inicialmente polo Pleno Municipal e definitivamente pola Direcección Xeral de Urbanismo da Xunta de Galicia, o pasado mércores día 7, coa súa publicación no Boletín Oficial da Provincia, entrou en vigor o Núcleo Rural Delimitado do barrio de Penalba en Mañufe.

«A partires de agora xa se pode proceder a dar licenzas de obra naquelas parcelas que estean dentro do devandito núcleo; licenzas con novos proxectos ou a continuar con aquelas paralizadas polas complexas circunstancias urbanísiticas de Gondomar; a legalizar aquelas obras que sexan legalizables, parcial ou totalmente, en definitiva, rematou a incertidume e a inseguridade xurídica nese barrio derivada dunha situación urbanístca que dende hai anos vive Gondomar, e na que quedaron atrapados centos de veciños», destaca Antonio Araújo, ex concelleiro de Urbanismo.

Con esta aprobación definitiva poderanse resolver varios contenciosos ou denuncias que nesa zona de Mañufe existen coa APLU dende hai anos, un deles sería unha vivenada no límite de ser derrubada. «Moitos veciños de Penalba a partires deste mércores poderán obter, por fin, a súa Licenza de Primeira Ocupación, ou como xa dixen, construir una vivenda nova con garantías e seguridade xurídica», incide Araújo.

O concelleiro de Manifesto Miñor recorda ademais que todo este proceso que agora chega ao final non sería posible sen o compromiso e a determinación dos técnicos e funcionarios do Departamento de Urbanismo, «aos que lles estarei sempre agradecido por apoiar sen reservas o obxectivo político, que como concelleiro de Urbanismo tomei dende o minuto cero. Un obxectivo que non foi outro que axudar a lle resolver os problemas á veciñanza, a quen nos debemos os representantes públicos, así como a defender o ben común».

«Con este traballo e outros que irán saíndo, queda demostrado cal foi a participación honesta e comprometida de Manifesto Miñor no goberno municipal, sen fotos e sen propaganda pero próxima á realidade e sempre escoitando á cidadanía. Un xeito de estar nas institucións difícil de enteder e dixerir polo Sr. Ferreira e o PP, que comparten e prefiren as formas caciquís e autoritarias de sempre, polo que pactaron a nosa expulsión (que palabra tan fea!!) do goberno municipal. E senón que llelo pregunten aos centos de persoas que nestes anos se lle resolveron infinidade de problemas, dende a discreción e a eficacia como é a obriga dun servidor público», afirma Araújo.

«Este traballo e outros de Manifesto Miñor son os que o Sr. Ferreira pretendía apropiarse expulsándonos do goberno. Pero a xente xa non traga», conclúe o ex concelleiro de Urbanismo.