Gondomar proxecta o documental “Galegos en Lisboa, a historia xamais contada”

O Concello de Gondomar continúa este domingo 11 de novembro coa programación de outono coa proxección do documental “Galegos en Lisboa, a historia xamais contada”. Será ás 20:00 horas no Auditorio Lois Tobío con aforamento limitado a 250 persoas e entrada gratuíta.

O director arxentino de orixe galega Xan Leira fixo un retrato da masiva emigración galega a Lisboa. Segundo o cineasta, os galegos comezaron a instalarse en Lisboa a partir do século XV, cando Portugal vivía un momento de apoxeo polos seus descubrimentos en ultramar. Os especialistas consultados por Leira clasifícana como “a nai de todas as migracións”, aínda pouco coñecida polo público.

Cunha duración de 55 minutos, a cinta debuxa o mapa da emigración galega en Lisboa e revela as marcas culturais e sociais que deixaron os emigrantes na cidade. Segundo Leira, “é difícil saber que é patrimonio galego e que é patrimonio lisboeta”.

As oportunidades para os galegos tamén xurdiron das catástrofes naturais que arrasaron Lisboa nos séculos XVI e XVIII. Varias persoas marcháronse de Galicia para traballar nas reconstrucións de urxencia tras un forte sismo na cidade portuguesa. Tamén cara alá foron moitos adolescentes que fuxían do servizo militar.