Baiona acolle este sábado a penúltima xornada da Liga de Outono AXA J80

FOTO: ROSANA CALVO // Cruce do Marías e o Luna Nueva, segundo e terceiro respectivamente.

A baía de Baiona acolle mañá sábado a penúltima xornada da Liga de Outono AXA J80, a competición de monotipos do Monte Real Club de Yates que entra na súa recta final co Okofen de Javier de la Gándara na cabeza da clasificación.

Con 6 puntos de marxe sobre o Marías-Casas do Telhado do portugués Manuel María Cunha, que é o seu rival máis directo, o Okofen buscará ampliar a distancia sobre os seus competidores para reafirmar o seu liderado e asegurarse o posto de honra do campionato.

Farao nunha xornada que se prevé complicada por mor da meteoroloxía, que anuncia algo de choiva e ventos de máis de 15 nós con picos próximos aos 30, unhas condicións que farán “voar” aos J80 na baía de Baiona.

Será nese escenario onde o comité, presidido por Jano Martín, ten previsto situar o campo de probas e onde, se se logra cumprir o programa previsto, disputaranse tres regatas do tipo barlovento-sotavento a partir das tres da tarde, hora fixada para o inicio da competición.

Detrás do Okofen de Javier de la Gándara, con 6 puntos; e o Marías de Manuel María Cunha, con 12, sitúanse na clasificación, nun rango de puntos bastante axustado, o Luna Nueva de Juan Luis Tuero, con 16; e o Pazo de Cea de Cristina González Cominges, con 18.

Deberán esforzarse algo máis para elevar as súas posicións o Mondo de Bernardo Macedo, con 25 puntos; o Namasté de Luis de Mira, con 26; o Cansino de Fernándo Yáñez, con 30; o Cunichán de Javier Martínez Valente, con 33; e o Cormorán II de Yago G. Robatto, con 50.

Coa celebración da penúltima xornada, á Liga de Outono de J80 organizada polo Monte Real co patrocinio de AXA Seguros tan só quedaralle xa unha última etapa para coroar aos gañadores, que se celebrará o día 24.