Adrián Valverde, segundo no Porriño e máis líder Elite da Copa Galicia

FOTO: LUZ IGLESIAS // Adrián Valverde no II Trofeo Ciclocrós Concello do Porriño.

A vitoria absoluta resísteselle a Adrián Valverde na Copa Galicia, pero o corredor do Club Ciclista Rías Baixas continúa co seu pleno de triunfos entre os Elite. Na cuarta xornada do certame autonómico, celebrada este sábado na localidade pontevedresa do Porriño, tan só o sub23 Samuel González (Guerciotti) superou ao representante da entidade que preside José Luis Chamorro.

Ante a ausencia do líder absoluto, o sub23 Iván Feijoo (Maceda), o duelo por dominar a proba reina protagonizárono González e Valverde. O de Baiona cruzaría a liña de meta en segunda posición a 44 segundos do gañador e con 36″ de vantaxe sobre o terceiro clasificado, o elite Luís Fernández Oliveira (Avanza).

Invicto no que vai de Copa entre os elites, Valverde domina a xeral da súa categoría con 124 puntos de marxe sobre Oliveira e meteuse de cheo na pelexa pola primeira praza absoluta. Feijoo conserva o liderado cunha diferenza de 10 puntos sobre González e o ciclista da estrutura miñorana, que están empatados.

A próxima cita puntuable disputarase este xoves, día 1 de novembro, en Culleredo (A Coruña).

Anuncios