Anuncios
Ticker de novas

Nigrán inicia a construción dunha pista de atletismo e un parque de skate en Porto do Molle

O Concello de Nigrán iniciou esta semana as obras para construír a primeira pista de atletismo homologada na comarca e un parque de skate, instalacións que estarán rematadas antes de que finalice o ano. Este novo complexo deportivo, que estará completamente integrado na paisaxe, sitúase en 18.000 metros cadrados da zona verde destinada a uso deportivo de Porto do Molle e forma parte do proxecto de Santorio Arquitectos de acondicionamento das marxes do río Muíños e que está levando a cabo a empresa Audeca por 510.000 €.

A pista de atletismo, a primeira en Nigrán, contará con catro rúas para competir en carreiras de 400 metros e tamén estará habilitada para as probas de velocidade con 115 metros, a superficie será de pavimento sintético de poliuretano e caucho, permeable sobre base de aglomerado e recheo drenante. A maiores, a instalación contará con dúas rúas exteriores en balastro natural para velocidade e carreira e, no interior, salto de altura con 15 metros de zona de impulso en pavimento sintético; salto de lonxitude e triplo salto con balastro natural e foso de caída en area de 10×3 metros e, finalmente, terá zona de lanzamentos. Practicamente anexo, nun espazo de 53×16 metros, estará o skate park con diferentes elementos para os skaters (en concreto, terá wave, quarter, wave invertido, funbox e spine). Toda a nova instalación deportiva estará nun recinto pechado con iluminación artificial e ao seu carón (tamén a piques de comezar a obra contemplada no mesmo proxecto) haberá unha zona de recreo infantil e familiar con elementos de recreo como columpios, tirolina, circuíto de bicicletas BMX….

“Estas dúas disciplinas deportivas, atletismo e skate, teñen gran demanda na comarca e, ata agora, nulas instalacións, polo que dende o Concello damos un gran paso apoiando estes deportes”, sinala o alcalde, Juan González, quen recorda neste sentido o éxito de participación no festival de scooter Porto Scoot en Praia América e, no eido do atletismo, a existencia do club Sociedad Atlética Val Miñor, que semanalmente debe desprazarse ata a Vigo para poder adestrar en pista.

Os traballos nas marxes do río Muíños buscan devolver o equilibrio natural o río facendo del un espazo fluvial de referencia en Galicia dende o punto de vista paisaxístico, ambiental, e incluso técnico, xa que para a súa recuperación se aplicarán solucións de drenaxe sostible pioneiras na comunidade. As obras comprenden 300.000 metros cadrados nos máis de 2 km de curso medio en Porto do Molle e 3 no río Nespereira, contemplando dende á revexetación das súas ribeiras con técnicas de bioenxeñaría novidosas á creación de espazos de bosque natural (non sempre transitable) ou a instalación de bandas de protección nas marxes e creación de pendentes naturais.

“Trátase dun proxecto clave para este goberno cuxo obxectivo primordial é devolver ao río o seu equilibrio natural, fortemente alterado pola presión urbanística do polígono empresarial e da autoestrada, o que provoca cambios bruscos na súa hidroloxía que, a súa vez, alteran a paisaxe con rapidez, como se pode constatar no ecosistema dunar de praia América”, resume González.

NIGRÁN INICIA A CONSTRUCIÓN DUNHA PISTA DE ATLETISMO E UN PARQUE DE SKATE EN PORTO DO MOLLE

Anuncios