Anuncios
Ticker de novas

Manifesto Miñor aposta pola remunicipalización do servizo de recollida do lixo

FOTO: CONCELLO DE GONDOMAR

O Grupo Municipal de Manifesto Miñor lamenta nun comunicado as declaracións nos medios de comunicación do alcalde, Paco Ferreira, “vertendo falsidades e insidias contra os seus socios de goberno, no canto de nos chamar a falar e a negociar como faría un alcalde intelixente”. Así mesmo, aclaran que a recollida do lixo é un área responsabilidade do PSOE, “e Manifesto Miñor nunca puxo atrancos neste asunto, absténdonos nas votacións e non votando en contra como se pretende facer crer”.

Antonio Araúxo afirma que en todo este longo proceso que vai para os dous anos, “nunca nos chamou a falar dentro do goberno municipal sobre un asunto tan importante para Gondomar. O del é a imposición sen diálogo e sen negociación, o que nos libera aos demais pra tomar as nosas propias decisións”. Recorda ademais que a posición de Manifesto Miñor neste asunto, coma en todo aquilo que é tratado no Pleno da Corporación Municipal, decídena os seus afiliados e afiliadas democraticamente, “como así seguiremos facendo, gústelle ou non ao Sr. Ferreira”.

“Sobre o contrato dos Residuos Sólidos Urbanos, dixémolo cando a aprobación do prego de condicións, que nós estábamos pola remunicipalización do servizo, e que só aceptaríamos outra fórmula transitoriamente mentres se axustaban as cuestión legais e materiais. Defendemos tamén que o Punto Limpo debe estar fóra do contrato como ata agora, porque debe ser un elemento a potenciar e diferenciado da recollida de RSU, e non disolvelo dentro da recollida ordinaria como una parte máis da mesma. O Punto Limpo é o futuro”.

Araúxo manifesta as súas dúbidas dese prego de condicións, toda vez que as competencias da recollida de RSU son da Área Metropolitana de Vigo como así está recollido por Lei, “e que nós saibamos esa Lei segue en vigor, outra cousa diferente é a suspensión polos tribunais da constitución do Plenario da Área Metropolitana”.

Por último, recordan que na proposta de adxudicación existen dúbidas razoables a respecto das propostas económicas feitas por dúas empresas (a primeira e a segunda clasificadas) sobre a existencia de baixas temerarias que o propio prego de condicións prohibe expresamente, “e que o Sr. Alcalde pretende pasar por alto cun informe de parte”. Para o voceiro de Manifesto Miñor “sen dúbida estamos diante de futuros e interminables litixios nos tribunais contenciosos de se levar adiante nesas condicións”.

Finalmente, Araúxo recoméndalle, unha vez máis, ao alcalde, “tranquilidade e que non se deixe levar polo nerviosismo pre electoral. Que cumpra o pacto de goberno asinado hai catro anos e que non se acorde dos seus socios de goberno só cando non lle dan as contas. Con Manifesto Miñor sempre que procurou o diálogo e o consenso sen trucos, puido contar con noso apoio. Nós non cambiamos de estratexia: por encima do interese partidario e de postureos ou tacitismos políticos de curto alcance, está o interese xeral e o ben común. Agora tócalle a el mover ficha”.

Anuncios