Acusan á Deputación de incumprir a Lei de Benestar Animal tras unha denuncia en Gondomar

FOTO: ASOCIACIÓN COORDINADORA PROTECTORAS PROVINCIA PONTEVEDRA

A Coalición Son, vén de presentar no seu propio nome e no nome da Asociación Libera un escrito na Deputación de Pontevedra para preguntar sobre o cumprimento da institución en materia de benestar animal nos concellos e nas mancomunidades da provincia de Pontevedra ao respecto da recollida de animais extraviados ou abandonados.

Dita iniciativa vén motivada pola denuncia de colectivos veciñais de concellos onde a xestión do servizo de recollida de animais está delegada á Mancomunidade e á súa vez no Centro de Acollida e Protección de Animais (CAAN) dependente da Deputación de Pontevedra; este é o caso de Gondomar, onde a veciñanza desta zona denuncia que a institución provincial non presta o servizo de recollida de felinos extraviados ou abandonados, a pesar da obriga por lei a realizar dito servizo. Dende Libera aseguran que de ser así “a Deputación estaría a producir un incumprimento parcial da Lei de Benestar Animal”.

Libera lembra que o artigo 4 da Lei 4/2017 refire as definicións sobre os “animais de compañía”, evidenciando que os servizos e as obrigas de recollelos cando están na vía pública non só afecta ós animais de especie canina, senón tamén a gatos e furóns.

Dende a Coalición Son advirten que neste senso, se a CAAN non presta o servizo acorde coas definicións normativas “supón que existen localidades pontevedresas que incumpren a Lei, xa que delegan as súas competencias de xeito incompleto, podendo ser obxecto de sanción por parte da Xunta” asegura o deputado provincial Xosé Lois Jácome.

Ante a denuncia veciñal, a Asociación Libera e a Coalición Son rexistraron unha iniciativa en forma de pregunta á Deputación de Pontevedra para coñecer se a institución provincial é consciente da obriga de recollida de animais máis alá da especie canina. Tamén se lle pregunta sobre futuras medidas ou liñas de apoio para que os concellos poidan desenvolver o servizo para felinos ou xestionar as colonias controladas, así como o motivo polo cal a Deputación non presta no CAAN o servizo completo se obtén a delegación dos concellos.