A Fundación Provincial Banco de Alimentos de Vigo renovará este fin de semana as súas tradicionais Operacións Quilo tras o parón estival e, a tan só tres meses, da celebración da Gran Recollida Solidaria. A iniciativa se levará a cabo mañá, venres, e o sábado, 7 e 8 de setembro, no supermercado de El Corte Inglés, durante o horario comercial do centro vigués.
Unha trintena de voluntarios, perfectamente identificados, participarán nesta Operación Quilo regalando catro horas do seu tempo a favor das persoas máis desfavorecidas. A ONG pide un novo esforzo á cidadanía que poida doar comida, xa que, a tres meses da celebración da Gran Recollida Solidaria, o desabastecemento do almacén do Banco de Alimentos comeza a ser importante.
Entre os alimentos que máis se necesitan, aceite, cacao, galletas, leite e todo tipo de conservas, aínda que, como sempre, calquera produto non perecedoiro será benvido. Desde a entidade lémbrase que moitas persoas que reciben axuda por parte da ONG, poden sufrir tamén pobreza enerxética, de aí a importancia de doar produtos que necesiten pouca elaboración.
Ao mesmo tempo que en Vigo, en Supercor de Pontevedra, tamén se desenvolverá de maneira simultánea outra Operación Quilo para poder seguir recuperando o stock de alimentos do seu almacén de Faustino Santalices.
Cifras do Banco de Alimentos
Durante 2017, a Fundación Provincial Banco de Alimentos de Vigo repartiu 1,9 millóns de quilos de comida (1.896.676 quilos) e nos seis primeiros meses deste 2018, entregáronse xa preto de 1,2 millóns de quilos de comida (1.122.815 quilos). A entidade apolítica e aconfesional dedica os seus esforzos para facer cumprir un dos dereitos humanos máis fundamentais: o acceso a unha alimentación suficiente, segura e saudable. Na actualidade, entrega axuda a uns 150 colectivos sociais que, á súa vez, distribúena ás persoas con dificultades na provincia.

