Gondomar organiza un curso de soldadura para desempregados

A Concellería de Emprego de Gondomar inicia os trámites administrativos para realizar un curso de formación para o emprego, neste caso, a especialidade formativa proposta é Soldadura Semiautomática (MIG MAG).Esta especialidade goza dunha importante aceptación nas empresas industriais, especialmente no sector naval, onde se están a ofertar últimamente varios postos de traballo requerindo a capacitación en soldadura semiautomática.

O principal obxectivo que se pretende lograr coa realización deste curso é obter unha formación cualificada para iniciar a súa actividade na Soldadura Semiautomática que permita, ao remate do curso, ter as competencias necesarias, para a súa incorporación ao mercado laboral.

Este curso irá destinado de xeito prioritario a desempregados/as empadroados en Gondomar, con escasa experiencia laboral, coa intención de ofertarlles unha oportunidade de conquerir un posto de traballo.

Dada a tipoloxía desta formación, resulta imposible que esta actividade sexa impartida por persoal do concello, polo que, tras solicitar tres orzamentos a empresas con experiencia e relevancia no sector, o expediente trasladarase á área de contratación.

O curso irá destinado a 15 persoas empadroadas no concello de Gondomar, e a duración do mesmo será de 110 horas. Realizarase en instalacións da empresa docente xa que require de instalcións axeitadas (cabinas de soldadura).