Anuncios
Ticker de novas

Nigrán enviará nos vindeiros días o novo documento do PXOM a Patrimonio

O equipo redactor do PXOM de Nigrán mantivo este xoves un encontro co goberno local e os diferentes portavoces da corporación co obxectivo de informarlles do estado actual do documento, tal e como lle solicitara o propio alcalde, Juan González. A empresa liderada por Alfonso Botana retomou os traballos no Plan despois de que no pleno extraordinario de maio se aprobase a cesión do contrato de Eptisa, asunto que se verá referendado oficialmente nos vindeiros días e que permitirá que paralelamente se envíe a Patrimonio o documento de aprobación inicial co catálogo de bens totalmente actualizado (o informe desfavorable da Dirección Xeral indicaba a necesidade de revisar todos os bens documentados). Deste xeito, o estudo de prospección arqueolóxica levado a cabo por “Desenrolo e Obras de Arqueoloxía S.C.” e o da propia empresa redactora elevan de 235 a 597 os elementos catalogados (pezas de interese arqueolóxico ou arquitectónico e etnográfico), destacando a protección do Camiño Portugués pola costa ou os hórreos, antes practicamente sen incluír no documento.

“Grazas á cesión podemos seguir adiante co PXOM, cuxa aprobación é unha prioridade para este goberno”, indica González.

Segundo explicou o propio Alfonso Botana aos portavoces, o novo documento será enviado na vindeira semana a Patrimonio, onde dispoñen dun prazo máximo de 3 meses para informar (pasado este tempo sen obter contestación se entende que a resolución é favorable). “Eses meses de impass serán os que aproveitemos para informar polo miúdo aos veciños do documento e introducir melloras”, explica o alcalde, Juan González, quen recorda que as contestacións provisionais ás alegacións están a disposición dos veciños dende o mes de abril no departamento de Urbanismo. “Buscamos a máxima transparencia e consenso para acadar o obxectivo final, que non é outro que aprobar un PXOM no que todos os actores esteamos de acordo que é o mellor documento posible”, sinala.

Unha vez obtida a resposta de Patrimonio o documento será enviado a Medio Ambiente, Dirección Xeral de Costas, Axencia Galega de Infraestruturas, Augas de Galicia e Portos do Estado. “A previsión é ter todos os informes favorables en decembro e que xa no primeiro semestre de 2019 se poida presentar o documento á Aprobación Provisional do Pleno”, resume Botana.

Anuncios