Anuncios
Ticker de novas

“Cena recalentada”, o novo disco de Iván Ferreiro homenaxe a Golpes Bajos

O próximo 21 de setembro sairá á venda a través de Warner Music o que será o oitavo disco en solitario de Iván Ferreiro, natural de Nigrán e na actualidade veciño de Gondomar, líder durante os 90 de Los Piratas, unha das bandas de rock máis representativas da década.

Baixo o título “Cena recalentada” será unha homenaxe á mítica formación viguesa Golpes Bajos, en activo durante o primeiro lustro da década dos 80, e unha das favoritas de Ferreiro desde que era neno. No álbum colaboraron todos os membros vivos da banda, como son Teo Cardalda, Luis García e Pablo Novoa, que dá a casualidade de que é membro da banda de Ferreiro desde hai anos. O seu cantante, Germán Coppini, faleceu en 2013.

Non é a primeira vez que o intérprete de “Anos 80” rende tributo aos seus paisanos, pois xa en 2014 ofreceu un concerto monográfico. “Cena recalentada”, que xa se pode reservar nunha edición especial asinada con CD e vinilo en El Corte Inglés, sucederá no mercado a “Casa” (2016), finalista a mellor disco español dese ano pola prensa especializada que votou o Premio Ruido.

O disco inclúe as cancións “Cena recalentada”, “Malos tiempos para la lírica”, “La Virgen loca”, “La Reclusa”, “Ayes”, “Estoy enfermo”, “Lágrimas”, “A Santa Compaña”, “Desconocido”, “Come Prima”, “No mires a los ojos de la gente”, “Escenas olvidadas”, “Hazme un nueve”, “Hansel y Gretel”, “Santos de Devocionario”, “Fiesta de los maniquíes”, “Colecciono moscas”, “Travesuras de Till” e “Tendré que salir algún día”.

Anuncios