Andaina en Baiona para celebrar o segundo aniversario do Camiño Portugués da Costa

Onte cumpríronse dous anos do recoñecemento do Camiño Portugués da Costa como ruta xacobea, que se fixo oficial coa entrada en vigor -o 16 de agosto do 2016- da actual Lei do Patrimonio Cultural de Galicia. Desde entón o número de peregrinos que transcorren pola Real Vila foi crecendo exponencialmente.

Para conmemorar o segundo aniversario deste recoñecemento e para fomentar, incentivar e dar a coñecer o Camiño Portugués pola Costa ao seu paso por Baiona, o Concello organiza unha andaina de 5 quilómetros de percorrido pola ruta o vindeiro martes 21 de agosto. O punto de partida será a Oficina de Turismo ás 10:00 horas. O percorrido é lineal, a duración aproximada da ruta é dunha hora e a dificultade do traxecto é baixa. Recoméndase levar roupa e calzado cómodo, así como auga e protección solar. As prazas son limitadas, polo que será necesaria a inscrición previa na Oficina de Turismo (986 68 70 67).

Está a converterse nunha estampa habitual atopase en Baiona con peregrinos no Centro Histórico e naquelas parroquias polas que transcorre o Camiño Portugués da Costa. Esta ruta xacobea está de moda e así o testemuñan os datos. O Camiño Portugués da Costa, e en particular a ruta que sae desde Porto, é un dos camiños máis excepcionais xa que, de todos os existentes, só dous van pola costa. Este ten un gran atractivo pola proximidade ao mar que mantén durante todo o traxecto e as espectaculares vistas. Esta ruta xacobea que pasa pola vila de Baiona conta cunha gran afluencia de peregrinos que vai crecendo ano tras ano.

“Desde Baiona pódese conseguir a Compostela pois 123 quilómetros separan a Real Vila de Santiago. Cidadáns de todo o mundo percórrena e a visita dos peregrinos, na súa gran maioría estranxeiros, veñen confirmar que o Camiño Portugués da Costa segue afianzándose como ruta xacobea máis aló das nosas fronteiras pois a vila vén recibindo con asiduidade grupos de estranxeiros que cada vez máis conforme van pasado os anos escollen esta senda e Baiona como punto de partida como opción principal para realizar a peregrinación a Santiago. Mesmo existen axencias especializadas no camiño de Santiago que ofrecen como destino de partida a localidade”, informa o Alcalde de Baiona, Ángel Rodal. Así mesmo, destaca que “o Camiño Portugués da Costa está a xogar un papel crave en desestacionalizar o turismo en Baiona. O obxectivo é lograr que a Vila teña visitantes, non só durante a época estival, senón o resto do ano. Os esforzos realizados durante os últimos anos polo Concello de Baiona para promocionar e mellorar o Camiño Portugués da Costa ao seu paso polo municipio tiveron un efecto dinamizador directo sobre o número de peregrinos que cruzaron Baiona nos últimos anos e desde o departamento de turismo seguiremos traballando para que ano tras ano sexan máis os camiñantes que elixen a ruta xacobea que transcorre polo noso municipio”, conclúe Rodal.