O BNG entende que o primordial é manter o servizo da Escola de Música á veciñanza de Baiona

O Bloque Nacionalista Galego en Baiona considera prioritario que o excelente servizo que vén dando cada ano a Escola de Música Municipal de Baiona á veciñanza en xeral, e ás nenas e nenos en particular, como mínimo, mantéñase. “Para iso é indispensábel que o profesorado teña unha estabilidade laboral e realice as súas funcións nas horas necesarias para obter a mellor calidade do servizo, as máximas disciplinas e para o máximo posíbel de veciñas e veciños”, sinalan.

O grupo nacionalista entende que o actual proceso de estabilización do emprego temporal é unha oportunidade para adecuarse á realidade do servizo e para recoñecer laboralmente as horas reais que o profesorado vén realizando de cara aos novos postos como persoal fixo do Concello de Baiona. Así, o portavoz do BNG, Iago Pereira, trasladou ao actual Alcalde, Jesús Vázquez Almuiña, a disposición de apoiar que se recoñezan as horas reais no proceso de estabilización a traballadoras e traballadores da Escola de Música.

“O PP entende que debe recoñecer ao persoal só as horas recoñecidas por sentenzas xudiciais. Sentenzas baseadas nas horas que se daban fai 15 anos e que non teñen en conta todas as ampliacións de xornada que tiveron ao longo deste tempo produto do crecemento da escola e as necesidades actuais. Polo tanto, de levarse a cabo esta decisión, implicará unha drástica redución da xornada do profesorado que obrigará á escola a deixar de impartir materias como linguaxe musical e actividades como coro, banda ou batucada. Ao mesmo tempo implica non poder atender toda a demanda existente, deixando moitos alumnos en lista de agarda ou incluso cancelando matrículas xa formalizadas”, advirten desde o BNG.

“O actual goberno manifestou en prensa como solución o aumento do 30% das horas recoñecidas por sentenzas e cubrir o resto con contratacións externas, deixando clara unha interesada interpretación do Estatuto Xeral das Traballadoras e Traballadores, un aumento do custo do servizo e pouca vontade de situar as necesidades da veciñanza e do profesorado como primordial”, conclúen os nacionalistas.