Anuncios
Ticker de novas

A última obra do “maquetista de Camos”

FOTO: PABLO F. ESTÉVEZ // Feliciano pousa xunto ao seu último traballo, detrás dúas das súas primeiras maquetas realizadas cando estaba embarcado na década dos 60 e 70.

Existen moitos tipos de persoas e iso é precisamente o que nos fai únicos, aínda que despois esta Feliciano Figueiró “o maquetista de Camos”. Con máis de 25 reproducións ás súas costas e 80 anos de idade, Figueiró acaba de finalizar a que segundo asegurou será a súa última creación, unha fábrica de pretensados situada en Nigrán e na que o artista a escala traballou durante 25 anos como condutor de camións. De entrada este feito pode levar a pensar que a súa paixón provén de aquí pero nada máis lonxe da realidade, a Feliciano a “espiniña” da paciencia quedóuselle cravada mentres estivo embarcado na mariña inglesa, alá pola década dos 60. Quizais o descoñecemento do idioma e as longas horas de travesía espertaron unha inquietude que pouco tempo despois quedou latente, ata que no momento da súa xubilación espertou con máis forza que nunca. A partir de aquí xurdiron horas e horas de conversación coa madeira, que el mesmo deu forma tan só servíndose dun cutter, unha pequena serra, pinturas, colas e pegamentos. Con estes elementos e o seu enxeño é capaz de reproducir calquera cousa. Empezou con barcos pero despois deu o salto aos monumentos arquitectónicos, as catedrais de Burgos e León, a de Santiago, o mosteiro de Oia, a Peregrina ou a Torre Eiffel, deron fe da súa capacidade.

Quizais esta reprodución é a que máis se afasta da súa liña de monumentalidade aínda que para el ten un significado claro, o desenvolvido durante máis de vinte anos en Nigrán foi o seu último emprego e por iso quixo dedicarllo á súa última maqueta que proximamente doará á empresa, algo que vén sendo habitual nel. Con todo recibir unha das súas obras non está exento dunha serie de obrigacións que non todos foron capaces de cumprir, e este é un dos motivos polo que asegura abandonará este mundo. Feliciano á hora de ceder as súas creacións adxunta un contrato polo que o adquirinte comprométese a mantelas en perfecto estado e reparalas en caso de necesidade, e de non ser así Figueiró podería reclamalas. En moitos casos as condicións non se cumpriron e traducíronse nun lixeiro desencanto que aos poucos foi crecendo no maquetista e que, sumado a que como el asegura “as miñas facultades xa non son as mesmas”, propiciaron a súa decisión aínda que quedará por ver se se cumpre.

Traballo artesanal con cutter e serra

A maqueta presentada reproduce parte dunha fábrica cos seus patios, silos e naves. Nela constrúense bloques para a construción de edificios e vigas de metal. Está realizada integramente en madeira, aínda que ten un par de elementos en cortiza branca pero a súa creatividade fai que non sexa perceptible. Un elemento moi característico da súa técnica é que non utiliza o sistema métrico para levar a cabo as escalas senón que se serve das súas pernas e de fotografías, e como ben di “fágoo a ollo” e así saca as súas propias equivalencias. Tampouco utiliza madeira de balsa, un material moi común no mundo pola súa maleabilidade, sérvese de plafóns e retais de madeira cuxo grosor o corta a medida en carpinterías da zona. A partir de aquí sérvese das súas proporcións e de paciencia para ir compoñendo as diferentes estancias e espazos. Un traballo de “chineses” realizado ao longo de nove meses a razón de catro horas diarias e plasmado nun anaco de madeira de 1×1,5 metros construído con esmero, e que na actualidade agarda nun dos seus garaxes para ser trasladado ao seu novo emprazamento.

Anuncios