Anuncios
Ticker de novas

As crías de quenlla déixanse ver de novo pola costa de Baiona

Como todos os veráns, nestes últimos anos, están a chegar á costa as crías das quenllas (Prionace glauca), de entre 50 a 80 centímetros de lonxitude, xa que nacen moi preto da costa e veñen alimentarse en augas pouco profundas. A Coordinadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños de Nigrán informaba estes días da presenza dun destes exemplares o pasado día 2 de agosto no porto de Baiona.

Este mesmo mediodía, outra cría de quenlla azul nadaba na contorna da Doca. Floren Cabral, que camiñaba polo Paseo de Monte Boi, avistou o exemplar de tintorera, de entre 50 e 60 centímetros de longo, moi preto da beira, no pequeno areal que se atopa xunto ao dique baionés. Tras conseguir capturalo coas súas propias mans, xa que no lugar no que estaba o animal non podía moverse, liberouno en augas máis profundas.

Os biólogos levan constatando desde 2013 a súa presenza nos meses de verán nas rías galegas, pero o que sorprende é a súa proximidade á costa. Xa se tiña constancia da súa presenza en Cíes e en Monteferro (Nigrán). Neste último caso foi localizado un neonato varado nunha praia cun buraco que o atravesaba dun lado a outro, probablemente arponeado. O pasado verán unha cría de quenlla azul sorprendeu aos bañistas da praia da Ladeira.

A CEMMA lembra que non son perigosas pero é necesario ter en consideración as boas prácticas: se che entra nun anzol, libéraa viva e rápido o mellor que poidas; se as ves vivas no mar non as collas nin as toques; se atopas unha varada viva na praia, introdúcea rapidamente no mar, con axuda dunha toalla está ben para evitar sorpresas; se atopas unha varada morta retíraa ás proximidades dun contedor de lixo, evitaremos que quede podrecéndose na area.

Desde finais de xullo a CEMMA detectou a presenza de 23 exemplares ao logo de toda a costa, tanto varados mortos, como observados e mesmo reintroducidos como este caso. Recomendan alertar sempre aos socorristas da situación e avisar ao 112 ou ao teléfono da CEMMA (686 989 008), xa que cunhas fotos enviadas polo WhatsApp poden identificar a especie, o sexo e o tamaño.

Anuncios