UCN considera positivo para Nigrán o acordo alcanzado entre traballadores e Cespa

FOTO: ALBERTO RODRÍGUEZ // Camión da recollida de lixo de Nigrán.

O portavoz do partido Independente Unión Centrista de Nigrán (UCN), considera moi positivo para Nigrán o acordo alcanzado entre os traballadores e a empresa Cespa, concesionaria do servizo de recollida de lixo, limpeza viaria e de praias do municipio, na renovación do convenio colectivo con vixencia para o próximos tres anos, “o que pon de manifesto o sentido da responsabilidade, non só por parte da empresa, senón tamén especialmente por parte do persoal e da representación sindical, que souberon conciliar as xustas e razoables reivindicacións laborais cos intereses dos veciños de Nigrán, evitando así ter que chegar a un conflito laboral mediante a convocatoria de folga xa anunciada, que tería consecuencias moi negativas, non só para os veciños e particularmente na hostalería, senón tamén para a imaxe negativa que se puidese transmitir de fronte ao turismo durante a tempada estival”, afirma Antonio Fernández Comesaña.

UCN quere felicitar aos membros da comisión negociadora, así como tamén a todo o persoal de traballadores, por saber estar á altura das circunstancias, e ceder por ambas as dúas partes, co obxectivo común de alcanzar o acordo desexado, sendo tamén fundamental e moi positiva a mediación levada a cabo pola Inspección Provincial de Traballo. “Quizá puidese pesar a desagradable experiencia vivida en anteriores conflitos, que desgraciadamente terminaron resolvéndose despois de graves consecuencias para os cidadáns, poñendo seriamente en perigo, non só a imaxe de Nigrán, senón tamén a saúde pública dos veciños”, lembra Fernández Comesaña.

UCN lembra que a pesar de que a negociación incumbe exclusivamente á empresa e os seus traballadores -no marco da negociación colectiva-, pero dado o carácter dun servizo público esencial para o municipio, puidese xustificarse a intervención municipal e coa única finalidade de axudar ao achegamento de posturas entre as dúas partes, polo que desde ese punto de vista sempre é plausible a cooperación do goberno local. “Con todo, chama tamén a atención que na firma do acordo parece que participou o alcalde Juan González -en representación do Concello de Nigrán-, polo que de ser certo, terá que explicar publicamente se o acordo alcanzado foi á conta dun maior incremento no prezo do contrato para sufragar polas arcas municipais, ou quizá á conta de reducir os estándares de calidade do servizo, ou pola contra, sen custo adicional algún nin diminución dos servizos contratados”.

Fernández Comesaña advirte que estando preto a finalización da concesión (finais de 2020), “sería conveniente empezar a perfilar os pregos de prescricións técnicas para adaptalas ás necesidades actuais do municipio, dado que o actual contrato data do ano 2004 e por conseguinte deben incorporarse ámbitos que non existían entón tales como o Parque Empresarial de Porto do Molle, chans urbanizables de Monteferro, Panxón Praia América, Ramallosa, etc, mellorando a calidade do servizo e poder licitar antes de que finalice a concesión”, conclúe o portavoz independente.

Anuncios