CABE demanda actuacións urxentes no Centro de Saúde de Gondomar

FOTO: ALBERTO RODRÍGUEZ // Centro de Saúde de Gondomar.

Que o actual Centro de Saúde en servizo en Gondomar presenta unha xeira de carencias, algunhas delas graves, é coñecido e recoñecido por todos. Mentres non se pon en funcionamento o novo Centro de Saúde, o actual segue en funcionamento e ten que cumprir as súas funcións e requisitos para atender á cidadanía en temas sanitarios. CABE denuncia que o actual edificio presenta, ademais dun déficit en canto ao persoal e instalacións unha evidente falla de atención por parte do goberno municipal que se reflicte no estado da fachada e no estado dalgunha das súas dependencias

Ademais do descoido evidente da fachada do edificio, que a día de hoxe está como hai un mes a pesares da moción presentada por este grupo e aprobada no Pleno do mes de xuño por todos os grupos da corporación municipal agás o PSOE. E por tanto seguen os graffitis, as deposicións das pombas, os apliques de luz rotos ou os cables á vista, “sen que ao Sr. Ferreira lle importe o máis mínimo”, sinala Pauliño del Río. “O aspecto non se corresponde en absoluto co que ten que transmitir un espazo público, máxime un Centro de Saúde”.

Pero para Del Río hai a maiores outras eivas que inciden directamente en temas asistenciais e sanitarios e que pese ás conversas mantidas entre o Centro de Saúde e o goberno municipal non se solucionan. “Non por falla de cartos, senón por falla de interese e vontade política”.

O primeiro é o estado no que se atopa a sala de educación maternal ou da matrona, onde se traballa en pre e post parto e a onde acoden as mulleres e os meniños a realizar distintos exercicios e que debería ter unhas condicións mínimas de habitabilidade para cumprir cos seus obxectivos. Esta sala está chea de humidades e cun piso que non reúne os requisitos exixibles para poder realizar as súas funcións. “Sabemos que está en marcha a construción do deficitario novo centro de saúde, pero é, ao noso parecer, urxente actuar sobre esta sala para retirar as humidades e colocar un novo revestimento do piso, actuación que non leva aparellado un custe elevado”, incide o voceiro de CABE.

Outro tanto podemos dicir de distintas consultas médicas onde as cortinas están rotas e non cumpren a súa función impedindo ao persoal médico unha exploración dos pacientes con luz natural. “Debemos ter en conta que o Centro de Saúde está rodeado de edificios e que as consultas exteriores requiren duns mínimos de intimidade. A súa substitución é unha necesidade que tampouco require dun gran desembolso e facilitaría en grande medida o traballo de asistencia médica. Podería incluso colocarse unhas pegatinas translúcidas nos cristais das xanelas como outra alternativa para solucionar o problema”.

Segundo CABE hai que facer tamén unha revisión ao servizo do cuarto de baño da Consulta nº3, que despide un cheiro notable e que non resulta adecuado nin para o persoal medico sanitario nin para os pacientes desa consulta. “Ao mellor un simple sifón solucionaría o tema. En todo caso o persoal competente da brigada de obras do concello ben podería botarlle un ollo”.

Para Del Río, tamén sería bo que os colectores do lixo que están situados nas inmediacións do centro médico se lavasen máis a miúdo para evitar o cheiro que producen. “Accións que facilitarían en grande medida o traballo dos profesionais do Centro de Saúde e que non requiren dun gran investimento e se deben de levar a cabo sen demora”.

No pleno correspondente a este mes de xullo o Grupo Municipal de Gondomar Concello Aberto levará ao pleno o acordo para unha actuación urxente no Centro de Saúde para mellorar o desenrolo das súas funcións, estas son as medidas:

  1. O acondicionamento da sala de educación maternal (preparación ao parto), eliminando as humidades e substituíndo o revestimento do piso por un novo.
  2. Troco das cortinas rotas das consultas 6, 8 e 9. Poderíase tamén, de xeito alternativo, colocar unha pegatina translúcida a media xanela.
  3. Inspeccionar o cuarto de baño da consulta nº3 e eliminar cheiros.
  4. Lavar máis a miúdo os colectores de lixo situados nas inmediacións.
  5. Levar a diante o amaño da fachada do edificio como quedou aprobado no pleno de xuño de 2018, repoñendo os elementos de iluminación rotos, restaurando os elementos de madeira da entrada principal, eliminando graffitis e carteis e limpando o reloxo.

“Se hai cartos para mercar un coche para levar de paseo ao Sr. Ferreira, debe habelo para cumprir coas súas obrigas cara ao Centro de Saúde de Gondomar”, conclúe Pauliño del Río.

Anuncios