Baiona organiza unha xornada de portas abertas para coñecer a nova Biblioteca

FOTO: CONCELLO DE BAIONA // Sala de estudo da Biblioteca.

O Concello de Baiona ultima os detalles para a gran inauguración e apertura da Biblioteca Pública Municipal e o Arquivo Histórico da Vila de mañá. Ao longo desta semana procedeuse á colocación do mobiliario. As novas salas dispoñen de andeis fixos e colocáronse as rodantes e as mesas e cadeiras.

Desde a Concellería de Cultura deseñaron unha programación especial para este sábado día 7 con motivo da inauguración do gran proxecto de rehabilitación do histórico edificio Sancti Spiritus. Así, ás 11:00 está prevista a inauguración oficial. Ás 12:30 os personaxes máis famosos da literatura infantil galega, os seis irmáns Bolechas e o seu can, serán os encargados de levar a cabo o primeiro espectáculo infantil na Biblioteca Municipal.

A Concellería de Cultura quere que os máis pequenos do municipio teñan protagonismo o día da inauguración dun edificio tan importante para todos os cidadáns. Hai que fomentar nos infantes o hábito e o pracer da lectura, a aprendizaxe e a utilización das bibliotecas ao longo de toda a súa vida e isto téñeno claro en Baiona.

Igualmente, conscientes da importancia do proxecto para o conxunto da poboación baionesa tamén se organizou unha xornada de portas abertas ese mesmo día en horario de tarde, de 16:00 a 20:00 horas, para que o público en xeral e todos os veciños e as veciñas interesados poidan coñecer de primeira man a rehabilitación e as novas instalacións. O persoal da Biblioteca Pública Municipal será o encargado de recibir e guiar aos visitantes polo edificio, nun percorrido para coñecer a envergadura dos traballos levados a cabo na histórica edificación e para coñecer os diferentes espazos ou salas destinadas a usos e servizos específicos, entre os que se atopa o Arquivo Histórico da Vila, que alberga o maior arquivo histórico da comarca e un dos máis importantes de Galicia.

O sábado será un día importante para Baiona pois verá como un dos seus edificios con máis historia recupera o esplendor dos tempos pasados tras unhas meticulosas obras de rehabilitación.