O Alcalde de Baiona, Ángel Rodal, e a Concelleira de Educación, Beatriz González, recibiron no Salón de Plenos aos 20 alumnos neoiorquinos procedentes do instituto Newark Academy de New Jersey, que están de intercambio co instituto IES Primeiro de Marzo. Os estudantes, de entre 16 e 17 anos, estudantes de español, acudiron acompañados doutra vintena de alumnos e alumnas baioneses, da directora do centro, María Luisa Bueno, e os coordinadores do programa de inmersión lingüística do Primeiro de Marzo, Piedad García e Marcos Lago, e Mª Teresa Mc Neillgn, coordinadora da Newark Academy.
Rodal explicoulles a historia do “Scarlet Knight”, o primeiro robot submarino non tripulado que realizou a proeza de atravesar o Océano Atlántico, co obxectivo de solicitar información para o estudo dos océanos. O planeador submarino chegou a Baiona tras unha odisea de 225 días, nos que percorreu case 7.500 quilómetros, atravesando o Océano Atlántico sen motor desde New Jersey ata Baiona, utilizando só a enerxía das súas baterías e aproveitando as correntes de auga. Os estudantes mostráronse moi sorprendidos coa historia.
Ademais, Rodal e González, intercambiaron impresións cos alumnos, a quen animou a coñecer a idiosincrasia e todos os aspectos turísticos, culturais, etc. que ofrece o municipio. Os estudantes atópanse estes días convivindo nas diferentes familias que participan no programa de intercambio impulsado e fomentado polo instituto baionés.
Chegaron a Baiona o pasado día 15 e están a gozar dun completo itinerario por todo o municipio e arredores ata o próximo 28 de xuño. Visitarán Soutomaior, Ourense, Santiago, Ría de Arousa e O Grove e ata farán unha etapa do Camiño de Santiago (O Cebreiro-Triacastela).
Desde próximo 6 de setembro e ata o 20 dese mesmo mes será a quenda do alumnado baionés de 1º de Bacharelato, que viaxará ata Nova York, onde serán acollidos por familias, outorgándolle a oportunidade de coñecer a coidade a todos os niveis tanto social como educativo, cultural e turístico. Esta enriquecedora iniciativa permite que os alumnos de Baiona nútranse dun importante intercambio de culturas, tradicións e costumes, poñendo en práctica o idioma inglés.
No acto de benvida, o rexedor destacou a importancia de viaxar e coñecer a cultura doutros países e o seu idioma. Tamén aproveitou para agradecer o traballo que realizan os profesores de ambos os dous centros, que fan posible o intercambio de experiencias entre alumnos baioneses e americanos, á vez que convidou os mozos a descubrir a historia de Baiona e a gozar da cidade.
“Estes intercambios contribúen a estreitar lazos coas cidades, ao mesmo tempo que os mozos americanos teñen unha oportunidade para coñecer a nosa vila e arredores e os baioneses Nova York, co enriquecemento cultural e persoal que iso leva”, finalizou Rodal.
Por parte dos profesores, agradeceron ao rexedor a gran colaboración e a benvida do Concello e a súa receptividade e comentaron que se están encantados de recibir aos alumnos americanos.

