Charla informativa sobre a problemática do transporte público no Val Miñor

FAVALMI convoca este xoves 21 de febreiro unha charla informativa sobre a problemática do transporte público no Val Miñor: non existe comunicación entre as comarcas nin unha liña de transporte público á Universidade de Vigo, entre outros aspectos. A reunión será ás 19:00 horas no salón de actos do edificio cultural do CPI Arquitecto Palacios de Panxón.

Desde FAVALMI fan un chamamento ás familias para que acudan á charla, para que se poidan iniciar medidas que permitan loitar por un transporte digno. A súa presidenta, Matilde Sanromán, lembra que o déficit do servizo de transporte e o seu elevado custo “repercute directamente na educación dos nosos fillos e fillas, porque non escollen aquela especialidade que lles gusta, senón aquela a a que poden acceder en autobús”.

“Moitos estudantes teñen limitacións á hora de escoller o seu futuro profesional por non ter acceso a un Centro Educativo de Formación Profesional, Universidade, etc. que sexa viable, pois se non existe un servizo de transporte acorde á economía familiar, redúcense as posibilidades á hora de escoller unha meta na vida”, conclúe a presidenta de FAVALMI.