Unha carreira solidaria do CEP Xosé Neira Vilas recada 950 € para o programa “Vacacións en Paz”

O CEP Xosé Neira Vilas de Peitieiros organizou o pasado martes unha carreira solidaria co fin de recadar unha axuda económica para colaborar no programa “Vacacións en Paz” da Asociación “Solidariedade Galega co Pobo Saharauí”, que permite que nenos e nenas que viven nos Campamentos de Refuxiados Saharauís, no deserto de Tinduf en Alxeria, veñan no verán a Galicia a casas de familias que os acollen.

A carreira solidaria, non competitiva e onde o máis importante era participar, celebrouse nuns circuítos marcados dentro do recinto escolar (un pequeno para o alumnado de 1º, 2º e 3º nivel e outro máis grande para o alumnado de 4º, 5º e 6º nivel). Cada alumno participante tivo que buscar patrocinadores entre os familiares, amigos, veciños… que se comprometeran a darlle unha cantidade por cada volta que dera ao circuíto. En total reuníronse 950 euros.

Ademais, Xosé Henrique Porto, cooperante da Asociación, achegouse ao colexio para falar da vida cotiá dos poboados saharauís e das necesidades que sofren diariamente. Ademais, deu a coñecer aos alumnos e alumnas o Programa Humanitario «Vacacións en Paz», unha iniciativa que conta, desde fai anos, coa colaboración de familias galegas acolledoras de nenos e nenas refuxiados saharauís.