Máis dun millón de euros para Baiona, Gondomar e outros 39 concellos afectados pola vaga de lumes

FOTO: ALBERTO RODRÍGUEZ // Incendio en Baiona.

A Xunta investirá máis dun millón de euros en 41 concellos que resultaron afectados pola vaga de lumes do pasado mes de outubro. O orzamento destinarase a reparar aqueles bens de titularidade municipal que foron danados e que non estaban cubertos polo resto de liñas habilitadas na Orde conxunta de axudas do 27 de outubro.

Así o explicaron hoxe en rolda de prensa a Directora Xeral de Administración Local, Marta Fernández Tapias, e os delegados territoriais de Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, e Vigo, Ignacio López-Chaves.

En concreto, esta orde conxunta recollía a posibilidade de establecer convenios de colaboración coas entidades locais para reparar ou repoñer os recursos e bens de titularidade municipal. Logo de reclamar información aos concellos, en colaboración estreita coa Fegamp, procedeuse a enviar técnicos para a comprobación in situ dos danos declarados para determinar a súa elixibilidade dentro do obxecto desta liña de axudas. Rematado este proceso, elaborouse a relación de gastos subvencionables nos que incorreron estes 41 concellos, e que ascende a uns 2 millóns de euros.

Tal e como se anunciara, a Xunta achegará o 50% desta contía, pero co fin de cubrir unha maior porcentaxe, dirixiuse por carta ás deputacións provinciais de Ourense e Pontevedra -onde os danos foron máis elevados- para solicitar a súa colaboración. O Goberno galego agradece a implicación da Deputación de Ourense, que xa mostrou a súa intención de colaborar na cobertura, e agarda que outras administracións tamén se sumen á iniciativa.

A distribución provincial dos 41 concellos beneficiados é o seguinte: 1 na Coruña; 5 en Lugo; 18 en Ourense; e 16, máis unha entidade local menor, en Pontevedra. En concreto, os beneficiarios da provincia de Pontevedra son os seguintes: Caldas de Reis, Cerdedo-Cotobade, A Guarda, Mondariz Balneario, Ponteareas, O Rosal, Salceda de Caselas, Salvaterra de Miño, A Cañiza, As Neves, Ponte Caldelas, Baiona, Mos, Pazos de Borbén, Soutomaior, Vigo e a entidade local de Morgadáns.

Nos próximos días a Dirección Xeral de Administración Local comunicará aos concellos a relación de actuacións subvencionables e comezará a tramitación dos correspondentes convenios de colaboración.

Resposta áxil e coordinada

A Xunta de Galicia articulou unha resposta áxil e coordinada de todo o Goberno galego para facer fronte ás consecuencias da vaga de lumes do pasado mes de outubro. Así, só unha semana despois do suceso, aprobaba en Consello o Decreto 102/207, do 19 de outubro, de medidas urxentes para a reparación de danos causados; e o 30 de outubro publicaba no Diario Oficial de Galicia unha orde conxunta que agrupaba as subvencións dos distintos departamentos autonómicos para facilitar a súa tramitación.

Actualmente, xa hai 716 solicitudes que recibiron unha resolución positiva ou contan con proposta de concesión.

Por importe concedido, as axudas máis cuantiosas confirmadas ata agora son as que dependen da consellería de Infraestruturas e Vivenda; seguidas respectivamente polos departamentos de Medio Rural; Economía Emprego e Industria; e a Vicepresidencia.

Cómpre recordar, ademais que, en aras de que as axudas fosen efectivas o antes posible, se habilitaron anticipos do 100%, do 50% ou do 25% en varias das convocatorias.

23 millóns de euros

O orzamento inicial desta orde ascendía a 11,3 millóns de euros, que posteriormente foron ampliados ata os 13,2 millóns de euros mediante unha resolución da Consellería de Infraestruturas e Vivenda, que sumou 1,9 millóns de euros ao orzamento destinado a sufragar os gastos de vivendas danadas e o seu enxoval doméstico. Deste xeito, cumpríase o previsto na propia orde, que establecía a posibilidade de ampliar o crédito inicial cando fose necesario, así como tamén recollía a opción de destinar os remanentes que puideran quedar nalgunha liña para incrementar a dotación das partidas que se esgotasen. A este orzamento hai que sumar os 9,8 millóns de euros investidos pola Xunta en actuacións directas en distintos ámbitos: nos montes e estradas afectadas, ou nos parques naturais

Esta convocatoria conxunta do Goberno galego habilitou axudas para poder paliar os danos causados pola vaga de lumes nun amplo abano de supostos, como a de afectación a bens de titularidade municipal (detallada anteriormente); pero tamén a vivendas, negocios e, por suposto, por danos persoais.

Así, incluíanse 100.000 euros da Secretaría Xeral de Deporte para as instalacións danadas; e, en materia de turismo, habilitáronse axudas para a reposición de sinalización turística -500.000 euros- e para a reparación de danos causados por incendios nos establecementos turísticos -500.000 euros-. O prazo para xustificar os investimentos turísticos estará aberto ata o 30 de xuño.

As axudas para danos persoais dispoñían dunha partida de 350.000 euros, no que se fixaban 75.000 euros por vítima para os casos de falecemento ou incapacidade permanente e tamén se incluían gastos de asistencia médica e hospitalización. As axudas, que xa se fixeron efectivas, chegaron a 12 persoas.

A orde inicial establecía tamén 2 millóns de euros de axudas para sufragar gastos de vivendas danadas e enxoval doméstico, un orzamento que despois se ampliou con 1,9 millóns de euros mais. No caso das residencias habituais, o orzamento pode cubrir o 100% do valor de reparación. Ao abeiro desta liña, están concedidas 169 axudas. Tamén se fixaban 550.000 euros para sufragar os gastos de aloxamento provisional das persoas afectadas.

En canto aos negocios afectados, o Goberno galego habilitou unha liña de axudas de 3 millóns de euros para obras de recuperación e reconstrución de establecementos comerciais afectados; así como outros 1,5 millóns de euros para o medio rural destinados a sufragar a reparación de danos en infraestruturas de titularidade privada, gastos de madeira amoreada queimada ou reparacións de bens ou medios de produción de explotacións agrícolas. A través desta liña de axudas, concederanse 436 axudas no caso de medio rural (entre as xa concedidas e as propostas para aprobación) e 12 no caso das liñas de axudas a negocios, ás que se poderán sumar outras 2 que están en proceso de emenda de documentación.

Por último, a orde establecía tamén 300.000 euros para os titulares dos terreos cinexéticos ordenados (Tecor). Ademais, dotouse outro millón de euros para reparar os danos causados nos bancos marisqueiros, nos que non se ten rexistrado ningún tipo de dano e, en consecuencia, ningunha solicitude.