Anuncios
Ticker de novas

Deputación e ASEFOGA poñen en marcha un programa de divulgación sobre a vespa velutina

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, acompañada do deputado de Medio Ambiente, Juan González, asinou esta mañá co secretario xeral da Asociación Sectorial Forestal Galega (ASEFOGA), Jacobo Feijóo, un convenio para realizar un programa de divulgación sobre a vespa velutina. En total, a institución provincial achega á asociación preto de 36.000 € que pretenden, tal e como informou Silva, “promover a sensibilización da opinión pública fronte á problemática desta especie exótica invasora, reducir o impacto ambiental da vespa velutina na provincia, reducir o uso descontrolado de trampas non selectivas para esta vespa e mellorar o coñecemento da especie”.

Carmela Silva aproveitou a ocasión para instar á Xunta de Galicia a asumir as súas competencias “ante o gravísimo problema da vespa velutina. Debería ser a Xunta a que, con moitos máis recursos, puxese en marcha convenios, medidas e actuacións para frear esta situación que está a xerar unha enorme alarma social e a ocasionar graves danos ao Medio Ambiente. Falamos dunha situación moi preocupante que non soamente afecta á produción da nosa mel senón tamén aos viñedos e ás árbores froiteiras”.

Neste contexto, a presidenta provincial informou que nestes momentos hai máis de 100 niños avistados en concellos como O Rosal, Nigrán, Vigo, Mos, O Porriño, todos os concellos da comarca do Morrazo, Pontevedra, Poio, Vilanova, Barro, Moraña, A Estrada e Lalín. Tamén asegurou Silva que abundan os concellos onde se atoparon xa entre 25 e 100 niños como A Guarda, Oia, Tomiño, Tui, Gondomar, Redondela, Vilaboa, Meaño, Meis, Ribadumia, Silleda, Catoira ou Valga. Por todos estes motivos, a presidenta da Deputación de Pontevedra manifestou a súa “indignación fronte a un goberno galego que non actúa fonte a problemas serios como este, que é xa unha praga”.

Carmela Silva incidiu en que “a Deputación de Pontevedra non ten competencias nesta materia pero si ten unha responsabilidade social e compromiso coa cidadanía e por iso asina este convenio con ASEFOGA”. Deste xeito, a través do convenio vaise realizar unha exposición itinerante nas feiras da provincia e mediante un stand no que se difundirá información sobre a praga e os seus efectos, se repartirán trampas artesanais e aclararán dúbidas de xeito personalizado. Amais, a presidenta da Deputación tamén adiantou que mediante o convenio de colaboración con ASEFOGA vanse organizar dúas xornadas técnicas sobre a vespa velutina impartidas por persoas con experiencia e coñecemento a especie.

Silva recordou que este convenio “súmase tamén ao que fai pouco tempo asinamos coa Universidade de Vigo para a investigación sobre a vespa velutina, para estudar e detectar os niños de maneira máis cedo posible e analizar o comportamento desta especie”.

Pola súa banda, o secretario xeral da Asociación Sectorial Forestal Galega (ASEFOGA), Jacobo Feijóo, tamén incidiu na importancia “da loita contra esta especie exótica que está a afectar en grande medida ao noso ecosistema, ás nosas froitas e abellas, e tamén ocasionando unha carga adicional de traballo para protección civil, que están a ter moitas máis saídas para retirar niños de velutinas”.

Jacobo Feijóo insistiu na necesidade de instalar trampas adecuadas para as vespas velutinas, que leven á redución do número de niños, e na importancia de divulgar información para poñer en marcha boas prácticas. Neste eido, o secretario de ASEFOGA agradeceu a colaboración da Deputación a través deste convenio e puxo en valor o traballo que está a desenvolver a institución provincial a través da Estación Fitopatolóxica do Areeiro, “a primeira en dar alertas e tamén a primeira en aportar solucións nesta e noutras pragas”.

Anuncios