Anuncios
Ticker de novas

“Continuar coa tramitación do PXOM de Gondomar é posible”

Tras revisar un cento de veces a documentación que obra no expediente do PXOM, así como contrastar todos e cada un dos pasos dados ata agora, o concelleiro de Urbanismo e Medio Ambiente de Gondomar, Antonio Araújo, vén de comprobar que unha peza clave, como é o documento de referencia emitido pola Subdirección Xeral de Avaliación Ambiental, e cuxa entrada no Concello ten data no rexistro de 10/08/2010, non lle foi reenviado á empresa Eptisa, quedando a partires desde momento interrompido o procedemento normalizado de redacción do Plan.

Esta conclusión foi posta a semana pasada en coñecemento dos técnicos municipais co rogo de que fagan unha nova lectura do expediente, para, se fora o caso, revisar os seus informes. “Sempre vin con grande preocupación a paralización dos trámites do PXOM motivada pola negativa do Sr. Alcalde a non levantar o reparo da cesión do contrato da empresa Eptisa a Alfonso Botana S.L. Esta situación podería supoñer a parálise da ordenación territorial do noso Concello, como mínimo, outros 10 ou 15 anos, coas negativas consecuencias derivadas da mesma”, afirma Araújo.

O concelleiro confía en que as súas pescudas sexan asumidas polos técnicos e poidan ter en breve a posibilidade de continuar coa tramitación do PXOM de Gondomar. “Con todo, quero insistir en que se isto non fora posible, a miña disposición a levantar os reparos dos técnicos neste caso, segue en pé, pois a ordenación territorial de Gondomar non pode sufrir máis atrasos. Iso é defender o interese xeral igual que fai o goberno municipal de Nigrán”.

“Sempre entendín –continúa Araújo- que a miña obriga como representante público era esgotar todas as posibilidades para sacar adiante o PXOM de Gondomar no canto de me conformar con esa situación e, xa non digamos, de me alegrar con semellante fracaso. Xa que logo, sempre propuxen a defensa dos intereses da veciñanza, que neste caso pasaba por asinar eu mesmo a devandita cesión se o Alcalde non quería ou non o vía claro. Mágoa que o absurdo xogo do postureo político dalgúns, nos fixera perder 8 meses imprescindibles. O exemplo de Nigrán, e da valentía política do seu alcalde, era perfectamente válido para nós por ser un caso semellante”.

Anuncios