Lucenza – Ateneo de Nigrán vén de recibir da Vicaría xeral da Diocese de Tui – Vigo unha comunicación na que se lle agradece a esta asociación o seu interese pola memoria democrática e pola dignidade das vítimas e se lle informa que o Bispado está a iniciar os trámites necesarios para efectuar a retirada dos símbolos contrarios á memoria democrática existentes nas igrexas e propiedades da súa titularidade dentro do municipio de Nigrán. Lucenza xa comunicara por carta ao Bispo o pasado ano a existencia de placas e inscricións franquistas presentes aínda nas sete igrexas parroquiais do municipio.
Estas inscricións están actualmente situadas nos muros exteriores dos templos, figurando neles o nome do dirixente falanxista José Antonio Primo de Rivera e mesmo nalgún caso o símbolo fascista do xugo e as frechas, ademais de referencias aos “caídos na Cruzada de 1936 a 1939” e o “Ano da Vitoria”, o que a xuízo desta asociación supón un claro enaltecemento do bando franquista e un agravio permanente ás vítimas da represión exercida na comarca polos golpistas do 36 e polo réxime da ditadura.
Ao non obter unha resposta satisfactoria naquel momento, un ano despois, e ao abeiro da nova Lei de memoria democrática, Lucenza ten solicitado oficialmente por burofax á Diocese Tui – Vigo o cumprimento da lei, obtendo, agora si, unha resposta axeitada a un problema que se alonga moito tempo e que ten convertido ao Concello de Nigrán nun dos municipios da comarca no que menos se ten avanzado na supresión da simboloxía franquista.
Lucenza agradece esta nova actitude do Bispado e se amosa, de acordo coa petición formulada pola Diocese, disposta a colaborar modestamente en todo aquilo que poida ser da súa competencia e que poida axudar a axilizar a retirada desta simboloxía.
Neste mesmo sentido, Lucenza solicita tamén ao Concello de Nigrán a maior colaboración posible neste empeño, lembrándolle de paso ao goberno municipal a súa obriga de retirar a simboloxía franquista presente aínda hoxe en determinadas construcións de titularidade municipal, de acordo co que lle foi solicitado por Lucenza na instancia oficial que esta asociación remitiu ao Concello o pasado mes de agosto.

