UCN dá luz verde ao acordo co goberno local para apoiar os orzamentos

FOTO: UCN // Antonio Fernández Comesaña e Juan González asinando o acordo.

O partido independente Unión Centrista de Nigrán (UCN), deu o pasado luns o apoio ao acordo alcanzado por escrito e asinado entre o portavoz municipal do partido, Antonio Fernández Comesaña, e o alcalde, Juan González, para a aprobación dos orzamentos do ano 2018 e que serán sometidos a ditame da comisión informativa de Facenda, a celebrar este mércores, cuxo importe total ascende a 15.676.749,29€.

UCN considera que aínda sendo conscientes do incumprimento dos acordos alcanzados co goberno local para a aprobación do orzamento do ano 2016, non foi óbice para volver confiar e alcanzar este acordo en base a un compromiso claro e transparente, e que UCN nun claro exercicio de responsabilidade, antepuxo os intereses dos veciños de Nigrán por encima de calquera estratexia política oportunista, que permita desbloquear a situación na que se atopaban as contas municipais despois do revés sufrido no pasado pleno de marzo.

Acordo que permite mellorar as contas e, especialmente orientado en dous eixos fundamentais: por unha banda, incidir nas infraestruturas básicas como saneamentos: Lagoiña, Xestal, Pombal, humanizacións: Camiño Vello, rúas Ponte Muiña e Gándara, compra de terreo para a construción de “almacén de maquinaria municipal” en Porto do Molle, así como auditar ás concesionarias dos servizos privatizados, e moi especialmente nos ingresos, que permitirá mellorar os recursos económicos sen afectar o peto dos veciños, actuando unicamente nas grandes compañías pola utilización do dominio público local, en especial eléctricas, gas e telecomunicacións, levando a cabo inspeccións fiscais para determinar o correcto cumprimento coas súas obrigacións tributarias coa facenda municipal, así como tamén á concesionaria do servizo de augas e saneamento, “e que levan anos campando ás súas anchas”. Igualmente tamén deberá render as contas do ano 2017 antes do 15 de maio (con dous meses de atraso), para acordar o destino do remanente de tesourería en investimentos financeiramente sustentables.

UCN valora moi positivamente o acordo alcanzado e espera que nesta ocasión o alcalde Juan González tómello máis en serio e así poder cumprir o acordado e nos prazos establecidos, que non quede en papel mollado, e que ademais sexa eficiente na execución do orzamento e non suceda como en anos anteriores, que escasamente se alcanza executar o 20% do capítulo 6 de Investimentos, o que redundará na mellora e benestar dos veciños, cansados xa de ver as constantes confrontacións partidarias que en nada benefician aos cidadáns, máis aínda nun asunto de tan vital importancia e transcendente como son os orzamentos, que en certa medida, veñen cubrir as demandas e necesidades dos veciños, contribuíndo igualmente tamén á creación de emprego, dado o seu carácter investidor ao destinar case 3 millóns de euros (o 20% do total), ao capítulo 6 de Investimentos reais, incrementándose máis dun 120% en relación ao exercicio 2016.

Fernández Comesaña, sostén que teñen dobre importancia estes orzamentos, xa que considera puidesen ser os últimos desta lexislatura, “dado que o próximo é ano electoral e moito dubidamos que este goberno sexa capaz de presentar en prazo as contas para o ano 2019, polo que a teor dos acontecementos é moi probable que chegue ao final do mandato coa única aprobación dos orzamentos de 2016 e 2018, o que confirmará a súa pouca capacidade de xestión”, conclúe o portavoz independente.

Anuncios